• O alumnado de 1º e 2º de Educación Primaria converteu o alcalde no primeiro convidado deste proxecto interdisciplinar, impulsado ao abeiro do Plan de mellora de bibliotecas escolares (PLAMBE) da Xunta de Galicia
O alcalde da Guarda, Roberto Carrero, participou como primeiro entrevistado na radio escolar do Colexio Padres Somascos – Fundación Educere da Guarda, unha iniciativa educativa que nace co obxectivo de fomentar a comunicación, a expresión oral e o traballo colaborativo entre o alumnado.
O proxecto de radio escolar é unha iniciativa interdisciplinar na que participan os nenos e nenas de 1º e 2º de Educación Primaria e que foi posible grazas ao Plan de mellora de bibliotecas escolares (PLAMBE) da Xunta de Galicia, a través do cal o centro puido impulsar a creación dun espazo radiofónico na súa biblioteca escolar.
Nesta primeira entrevista, o alumnado tivo un papel protagonista en todo o proceso: elaborou os cuestionarios coas preguntas que lle formularían ao alcalde e mesmo algúns nenos e nenas voluntarios asumiron o papel de locutores e locutoras do programa, contando en todo momento co acompañamento e apoio das titoras dos cursos.
Durante o encontro, os pequenos e pequenas tiveron a oportunidade de trasladarlle ao alcalde diferentes cuestións relacionadas coa Guarda, coñecer un pouco mellor o seu traballo e preguntarlle, entre outras curiosidades, cal é o seu lugar favorito do municipio.
Ademais, aproveitaron a ocasión para compartir as súas propias propostas sobre novos espazos e servizos que lles gustaría ter na Guarda e que lles permitirían gozar aínda máis do seu tempo de lecer no municipio.
Dende o Concello da Guarda queremos agradecer ao Colexio Padres Somascos – Fundación Educere a invitación e, especialmente, ao alumnado e ao equipo docente a súa iniciativa e ilusión por esta experiencia educativa.
A entrevista poderá verse e escoitarse proximamente na canle de YouTube da biblioteca escolar, Biblio Somascos (@BiblioSomascos), onde quedará recollida esta primeira experiencia radiofónica.

