O vicepresidente segundo e deputado de Cultura, César Fernández, salienta que a publicación é “unha fiestra aberta á investigación rigorosa e á conexión cultural co resto de pobos da Península e de Europa”
O director da Escola Provincial de Gaitas, Xosé Lois Foxo, recoñece a contribución do prestixioso musicólogo portugués Mário Correia, que leva catro décadas colaborando co Anuario e asina dous traballos neste número
A Deputación de Ourense presentou o Anuario da Gaita 2025, o número 40 da publicación que edita a Escola Provincial de Gaitas. O vicepresidente segundo e deputado de Cultura, César Fernández; o director da Escola, Xosé Lois Foxo; e o prestixioso musicólogo Mário Correia deron a coñecer os contidos dunha edición que reúne estudos sobre a gaita en distintos países e documenta o traballo de recuperación e divulgación da música tradicional en Galicia.
César Fernández destacou que, ao acadar o seu número 40, o Anuario se consolida como “unha publicación de referencia para a investigación e a divulgación da música popular en Galicia e en Europa”. O deputado de Cultura reafirmou o compromiso da Deputación co labor da Escola Provincial de Gaitas e subliñou que a música tradicional é un “elemento clave para coñecer e preservar a nosa identidade cultural”. Fernández salientou tamén o papel do Anuario como “unha fiestra aberta á investigación rigorosa e á conexión cultural co resto de pobos da Península e de Europa”.
Pola súa banda, Xosé Lois Foxo quixo recoñecer expresamente a contribución de Mário Correia, prestixioso musicólogo portugués que leva catro décadas colaborando coa publicación. Foxo destacou o valor do seu traballo para dar a coñecer en Galicia a tradición gaiteira portuguesa e afondar nos vínculos musicais entre ambos os territorios. Nesta edición, Correia asina Escavações Gaiteiras e unha entrevista a José Maria Fernandes, gaiteiro de Urrós, no concello portugués de Mogadouro, que protagoniza a portada do volume.
Precisamente, Mario Correia recalcou o seu vínculo “desde o pasado milenio” co Anuario da Gaita, publicación á que definiu como “a Biblia en Europa”, destacando a súa excelencia e o seu prestixio durante catro décadas.
Da gaita de Urrós ás tradicións gaiteiras de Europa
O volume, coordinado por Ruth e Xosé Lois Foxo, inclúe estudos sobre as gaitas húngara, romanesa e sanabresa, así como sobre o shüvyr, instrumento da república rusa de Mari El. O número aborda tamén a iconografía da gaita, os museos e coleccións dedicados a este instrumento e a consolidación do gaiteiro galego como referente da identidade de Galicia. A relación entre a música e a emigración está presente no traballo de Norberto Pablo Cirio sobre o epistolario de José Ramón González Pérez, gaiteiro dos Ancares emigrado na Arxentina.
O Anuario recolle tamén a XL Xuntanza Internacional de Gaiteiros, celebrada en Flariz e Monterrei, o XVI Certame Celtibérico de Bandas de Gaitas e o Filandón de Músicas do Caurel. Entre as novidades sobre o patrimonio documental figuran a incorporación de trescentos pregos de cordel do século XIX ao arquivo da Escola Provincial de Gaitas e as presentacións do Cancioneiro Sociolingüístico das Terras do Bolo.

