A Biblioteca Municipal de San Sadurniño volve coller ritmo tralo verán tanto no préstamo de libros e outros materiais como na programación de actividades de animación, que botarán a andar en breve coa reanudación dos clubes de lectura para rapazada e persoas adultas. No caso do club infantil preténdese formar un grupo de 15 nenas e nenos que se xuntarían nas tardes dos martes, mentres que o horario do club para persoas adultas non ten aínda día fixado. Para participar en calquera deles -ambos son gratuítos- abondará con pasar pola Biblioteca ou enviar un correo a bbliosansa@hotmail.com.
A Biblioteca Municipal é un auténtico polo de dinamización cultural que vai tetomar en outubro a actividade dos seus grupos de lectura, empezando polo club de lectura infantil -para a rapazada de 4 a 8 anos-, con idea de reunirse os martes de 18:30 a 19:30h. Nel lerán contos, farán manualidades e verán películas adaptadas á súa idade.
Os libros propostos para os próximos meses son “O lobo sen rabo”; a colección “O dragón e a princesa”, “Apio” e “O fillo do Rei”; “A árbore da escola” e tamén unha escolma dos contos dos irmáns Grimm, clásicos que non poden faltar en ningunha biblioteca infantil.
Na quenda de lecturas conxuntas para a cativería poderán participar ata 15 nenas e nenos. Iso si, se houbese máis solicitudes estudaríase a posibilidade de crear un segundo club lector noutro día. Desde a biblioteca informan de que farían falla entre cinco ou dez peticións para activar ese segundo club.
O club de lectura de persoas adultas, que xa leva anos andando só -e aberto a que calquera se sume a el- seguirá reuníndose unha vez ao mes para propor libros, lelos e despois comentalos.
Para entrar nos clubs de lectura hai que pasar pola biblioteca -luns, martes, xoves e venres de 16 a 20:00h- ou mandarlle un correo a bbliosansa@hotmail.com, indicando nome e apelidos, enderezo e datos de contacto (para facer o carné da biblioteca, no caso de non dispor del).
Ademais de participar nos clubs físicos que se xuntan na Biblioteca Municipal, tamén é posible unirse aos clubs dixitais promovidos desde a Biblioteca da Deputación da Coruña. Neste momento hai catro en marcha: “Compartindo lecturas” da literatura universal; “Arredor dos libros”, exclusivo de obras en galego; “Páxinas de orgullo”, arredor da temática LGBTI; e “Tinta e equidade”, na que se agrupan obras que dun xeito ou outro abordan a igualdade.
Ademais de todo o que podemos atopar na biblioteca, situada no primeiro andar da Casa da Cultura, cómpre ter en conta que o centro forma parte da Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia -que dá acceso a infinidade de recursos compartidos- e que o feito de ter ficha ábrenos a posibilidade de acceder tamén gratuitamente a milleiros de contidos dixitais da eBiblioDaCoruna.
O acceso á biblioteca dixital -e aos clubs virtuais- está dispoñible para todas as persoas maiores de 14 anos que estean inscritas en calquera biblioteca pública da provincia, incluída a de San Sadurniño. Para poder utilizar a eBiblioDaCoruna, só se precisa un dispositivo con conexión a internet, un correo electrónico e realizar o proceso de alta na plataforma.
A biblioteca dixital permite tomar en préstamo ata cinco títulos á vez, con prazos que varían segundo o tipo de contido: 21 días para libros e audiolibros, 3 días para películas, ou 3 horas no caso dos xornais. Ademais, a lectura pode facerse en liña desde o navegador, mediante app móbil ou a través dun lector electrónico.
Desde a Biblioteca Municipal de San Sadurniño anímannos a aproveitar esta ferramenta como un complemento á lectura tradicional, destacando a súa utilidade para persoas con dificultades de desprazamento, ou para quen prefiren o formato dixital. A eBiblioDaCoruna tamén inclúe funcións de accesibilidade como a lectura en voz alta, o uso de fontes adaptadas a persoas con dislexia ou a personalización do texto. Toda a información sobre o funcionamento e o proceso de alta pode consultarse na páxina oficial do servizo: https://ebiblio.dacoruna.gal.