Durante o acto, deuse lectura ao pregón por parte do tenente de alcalde, Alfonso Vázquez, e realizouse unha ofrenda floral ante o monumento do ilustre xeógrafo
A Asociación Cultural e Deportiva Domingo Fontán, en colaboración co Concello de Portas, organizou un acto institucional de homenaxe con motivo do 238º aniversario do nacemento do ilustre matemático e xeógrafo Domingo Fontán, figura clave na historia científica de Galicia e referente do coñecemento cartográfico.
O evento tivo lugar ás 12:00 horas na Casa da Cultura nunha xornada que puxo en valor o legado intelectual e humano de Fontán, así como a súa fonda vinculación co municipio de Portas.
A presidenta da Asociación Cultural Domingo Fontán, Rebeca López Méndez, non puido asistir ao acto por un problema médico e, no seu lugar, o tenente de alcalde de Portas, Alfonso Vázquez Reboredo, foi o encargado de dar lectura ao pregón institucional. Na xornada tamén participaron as concelleiras Ana Peña, que presentou o acto, Julia Tarrío e María Jesús Fontán así como o edil Christian Duarte.

