A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, e a corporación compostelá recibiron esta mañá no Pazo de Raxoi a SD Compostela, que a pasada fin de semana acadaba o ascenso á Segunda Federación.
Goretti Sanmartín parabenizou o equipo e resaltou o esforzo realizado durante toda a tempada que culminou “de forma extraordinaria”.
A rexedora salientou que toda a corporación, como representantes da veciñanza de Compostela “estamos moi orgullosas e orgullosos de cada un de vós, do voso traballo e do voso esforzo” e puxo de relevancia a importancia “de crer nas capacidades de forma colectiva” para poder conseguir os obxectivos. “Isto fixo que tiverades un final extraordinario”, abundou.
Sanmartín quixo recodar taméns o bo momento que vive o deporte compostelán en moitas disciplinas como a ximnasia rítmica, o hockey ou a esgrima, así como no baloncesto, co ascenso do Obradoiro á ACB, e no fútbol, onde “poñemos o ramo coa suba á Segunda Federación da SD Compostela”. “Toca agora pensar nos novos retos”, apuntou a alcaldesa.
A concelleira de Deportes, Pilar Lueiro, tamén felicitou o club e a todas as persoas que del forman parte. “Non era fácil conseguir o ascenso no primeiro ano e vós conseguístelo. Para o ano máis e mellor”, avanzou.
Por parte da SD Compostela, Antonio Agrasar agradeceu o apoio do Concello e salientou que “hoxe é un día de enorme alegría para a SD pero tamén para a toda a cidade”. Lembrou os momentos difíciles dos que se saíu grazas á “convicción de que traballando xuntos o Compos ía dar este paso”.

