A Xunta continúa sen incorporar a todo o profesorado das Escolas infantís

Redacción

Pasado xa máis dun mes do inicio de curso, as escolas infantís de Oleiros continúan sen dispoñer de todo o persoal necesario. O Concello retira a urxente necesidade de que a Xunta cubra de inmediato todas as prazas para garantir o correcto funcionamento do servizo e facilitar a conciliación das familias

As escolas infantís de 0 a 3 anos teñen, ademais da súa función educativa, un papel fundamental como servizo de apoio á conciliación. Por iso, é especialmente grave que o curso comece sen que estea garantida a presenza de todo o persoal necesario para prestar o servizo nas condicións previstas.

O problema afecta tamén ao propio persoal das escolas infantís que leva tempo reclamando determinadas melloras nas condicións de prestación do servizo, tanto para garantir unha atención de calidade aos nenos e nenas como para mellorar as condicións de traballo. Lonxe de atender esas demandas, a falta de persoal está provocando que as traballadoras teñan que afrontar maiores cargas de traballo e unha situación de saturación, precisamente nun servizo no que a atención directa aos pequenos require estabilidade, coordinación e suficientes recursos humanos.

O Goberno municipal considera que non se pode sobrecargar máis ás profesionais das escolas infantís, nin tampouco trasladar ás familias as consecuencias dunha falta de previsión ou de planificación da Xunta de Galicia da contratación e cobertura dos postos.

Aínda que se trata dunha competencia exclusivamente autonómica, foi o Concello quen adquiriu o solo necesario e construíu as 4 escolas infantís de Oleiros. Ademais, financia o 30% dos gastos anuais das escolas.

Comparte este artigo