No que vai de ano, o Concello xa creou outra instalación deste tipo na praza do Parque, entre Orillamar e Monte Alto, e tamén cuadriplicou a superficie do espazo biosaudable situado a carón do centro cívico de Palavea
O Concello completou esta semana os traballos de construción do novo espazo biosaudable do parque Europa, un equipamento que amplía os espazos orientados á práctica deportiva e o exercicio físico neste enclave de Catro Camiños, que xa conta cunha pista de baloncesto ao aire libre.
A concelleira de Infraestruturas e Mobilidade, Noemí Díaz, detallou polo miúdo a intervención, que comezou a finais de outubro no sector sureste do parque, onde se aproveitaron os espazos públicos dispoñibles para habilitar tres áreas individuais onde se dispuxeron os novos equipamentos, ideados para que as persoas usuarias e, moi especialmente, as que están en idades máis avanzadas, poidan traballar a flexibilidade, mobilidade articular e o control postural.
“O espazo biosaudable do parque Europa ten unha superficie total de case 150 metros cadrados e conta cun firme de caucho para reforzar a seguridade das persoas usuarias”, explicou Díaz, que incidiu na importancia de “detectar espazos públicos infrautilizados ou carentes de uso para darlle resposta ás demandas ou necesidades da veciñanza”.
A concelleira apuntou que, ademais do parque Europa, esta liña de traballo tamén se seguiu en puntos como a praza José Toubes e o parque de Vioño, onde se habilitaron recentemente cadansúas áreas de calistenia en dous aneis configurados previamente como espazos de lecer, “mais onde había marxe de mellora para dotar de máis equipamentos deportivos a cidadanía”.
No caso específico das áreas biosaudables, o Goberno de Inés Rey deu un pulo nos últimos meses a este tipo de instalacións, atendendo as peticións das veciñas e veciños dos barrios. Froito deste traballo de continuidade, no que vai de ano xa se abriu un novo espazo biosaudable na praza do Parque, entre Orillamar e Monte Alto, e tamén se cuadriplicou a superficie das instalacións situadas a carón do centro cívico de Palavea.