Aguiño recupera a súa médica e o BNG parabeniza á veciñanza polo seu compromiso coa sanidade pública

Redacción

O BNG salienta que a médica non foi substituída durante todo este período: “A baixa tivo que chegar ao seu fin para que Aguiño volvese recuperar a súa médica de cabeceira demostrando a inacción da Xunta”

A Plataforma en Defensa da Sanidade Pública da Barbanza e a veciñanza de Aguiño puxeron hoxe punto e final a un ano de mobilizacións diante do centro de saúde da parroquia. Fano cunha boa noticia: a súa médica de cabeceira reincorpórase ao seu posto despois dun ano de baixa. Para o BNG, é motivo de satisfacción para toda a veciñanza de Aguiño, pero tamén unha oportunidade para lembrar todo o camiño percorrido durante estes meses e para advertir de que non se pode volver permitir unha situación semellante.

Ao longo deste ano, o BNG e o seu portavoz, Luís Pérez Barral, estiveron ao lado da veciñanza de Aguiño en cada unha das etapas desta reivindicación, acompañando as concentracións, participando nas mobilizacións e levando a súa reclamación ao Parlamento de Galiza e ata a Consellería de Sanidade. Un compromiso que contrasta coa actitude de María Sampedro, que non apoiou as reivindicacións da veciñanza nin se situou ao seu lado nesta demanda. “Mentres nós estivemos con Aguiño, a que di ser alcaldesa de todos non estivo súa veciñanza nesta loita. Nós defendemos os dereitos das persoas de Aguiño e ela preferiu defender os intereses do seu partido”, sinalou Luís Pérez Barral.

Unha loita que chegou de Aguiño até Santiago

A mobilización chegou tamén a Santiago de Compostela. O 31 de xaneiro de 2025, máis dun cento de veciñas e veciños de Aguiño desprazáronse ata a sede do Sergas e da Consellería de Sanidade, onde entregaron máis de 2.600 sinaturas para reclamar a cobertura das prazas médicas do centro de saúde. Naquela xornada denunciábase que as esperas para conseguir unha cita podían chegar ás tres semanas. A reivindicación chegou igualmente ao Parlamento de Galiza da man do BNG. A deputada Rosana Pérez levou a situación de Aguiño á Cámara galega e reclamou a cobertura das prazas médicas, nun contexto no que o propio Goberno galego recoñeceu a existencia de vacantes e baixas no municipio. En novembro de 2024, ademais, o BNG xa reclamara no Parlamento a cobertura das prazas vacantes e das baixas nos centros de saúde de Ribeira e Aguiño, iniciativa que contou co voto en contra do PP.

A veciñanza, un exemplo

O exalcalde e portavoz do BNG, Luís Pérez Barral, quere poñer en valor especialmente a constancia da veciñanza. As mobilizacións comezaron no outono de 2024 e mantivéronse ao longo dos meses, incluíndo unha multitudinaria manifestación en Aguiño en febreiro de 2025 para reclamar a cobertura inmediata e permanente das prazas médicas. “Hoxe é un día para alegrarnos porque Aguiño recupera a súa médica de cabeceira, pero tamén para lembrar que isto non foi consecuencia dunha substitución efectiva por parte da Xunta durante todo un ano. A baixa tivo que chegar ao seu fin e por tanto o PP demostra que estivo de brazos cruzados porque lle interesa deteriorar a sanidade pública e beneficiar á privada”, sinalou Barral.

Durante un ano a veciñanza de Aguiño estivo sen a súa médica, mentres outra profesional tivo que asumir parte do seu cupo e soportar unha maior carga asistencial. As consecuencias foron claras: máis presión para o persoal sanitario e máis dificultades para a veciñanza á hora de conseguir unha cita que moitas veces agardaba 15 días. “Non queremos que a veciñanza de Aguiño teña que volver pasar por un ano de mobilizacións para conseguir algo tan básico como ter a súa médica. A sanidade pública non pode funcionar á espera de que as baixas rematen: as baixas teñen que cubrirse”, engadiu Pérez Barral.

O BNG considera que o final desta baixa non pode servir para ocultar o problema de fondo: a necesidade de que a Xunta garanta persoal suficiente e substitúa de maneira efectiva as baixas, vacacións e demais ausencias na Atención Primaria. A propia formación nacionalista denunciou durante os últimos meses que a situación de Aguiño e Ribeira se agravaba especialmente no verán, chegando a haber xornadas nas que o centro contaba cunha única médica durante apenas tres horas.

Barral salientou o papel fundamental da Plataforma en Defensa da Sanidade Pública da Barbanza e de todas as persoas que participaron nas concentracións durante estes meses. “A veciñanza de Aguiño deu unha auténtica lección de compromiso, constancia e defensa dos servizos públicos. Estivemos ao seu lado desde o primeiro momento e seguiremos estando”, afirmou o portavoz nacionalista.

A formación asegura que continuará moi vixiante ante calquera nova carencia de persoal no centro de saúde de Aguiño e no conxunto da Atención Primaria de Ribeira, e que seguirá levando ao Concello e ao Parlamento as reivindicacións da veciñanza. “Hoxe remata unha etapa de mobilización porque a médica reincorpórase. É unha boa noticia e queremos celebrala coa veciñanza pero o compromiso coa sanidade pública non remata aquí e traballaremos por exemplo para tratar de reducir as listaxes de agarda disparadas que hai na atención hospitalaria ou ata que se incorporen os 3 profesionais que faltan en Ribeira. O BNG seguirá ao lado de Aguiño, defendendo que teña os profesionais que precisa e que ninguén teña que volver esperar meses para poder ser atendido polo seu médico ou médica de cabeceira”, conclúe Pérez Barral.

Comparte este artigo