Home A Coruña Carral prepárase para unha fin de semana con moita miga da man...

Carral prepárase para unha fin de semana con moita miga da man da súa Festa do Pan

- Anuncio -

· O Concello acolleu, esta mañá, a presentación oficial da cita, que se celebrará o sábado, 11 de maio, e o domingo, día 12.

Carral celebrará, esta fin de semana, un dos seus eventos estrela. Un ano máis, o Concello e a Asociación de Panadeiros axuntarán esforzos para celebrar a Festa do Pan, unha cita que chega, neste 2024, á súa vinte edición. Para celebrar este fito histórico ao grande, o Concello e os panadeiros propuxéronse un obxectivo nesta vixésima edición: manter e mesmo superar as cifras de participación da edición de 2023. Ese ano, tomaron parte nos clásicos obradoiros infantís de elaboración de bolos máis de 2.000 pequenos e pequenas e, a maiores, contáronse por miles os bocadillos cardiosaudables despachados ao longo da fin de semana.

O Concello acolleu, esta mañá, a presentación oficial do evento, que correu a cargo do alcalde, Javier Gestal, dos concelleiros e concelleiras do goberno local, de varios representantes da Asociación de Panadeiros e dos nenos e nenas de 2º de Primaria do CEIP Plurilingüe Vicente Otero Valcárcel que elaboraron o cartel da vinte edición.

Durante a presentación, o rexedor enxalzou o labor do colectivo de panadeiros, sen “cuxo esforzo e dedicación non se tería chegado ao vinte aniversario da cita gastronómica”.

Programa do sábado

O sábado, 11 de maio, o evento comezará ás 12.00 horas coa clásica exposición, venda de pan e, por suposto, do xa clásico bocadillo cardiosaudable. A base desta delicia é, por suposto, o pan de Carral pero, a maiores, leva aceite, tomate e xamón. A esa mesma hora está previsto o inicio da feira medieval e dos talleres de elaboración de pan, unha das principais atraccións da Festa. Con todo, a música tamén acompañará ao longo da xornada inaugural. Así, o sábado, ás 12.30 horas está prevista a actuación do grupo musical Gaeloc Medieval (que realizará outro pase ás 13.30 horas). Esta agrupación dará paso, ás 14.00 horas, á sesión vermú a cargo do grupo Zona Zero.

Xa pola tarde, a partir das 16.30 horas, o alumnado do IES de Carral representará a obra Amar o mar na sala multiusos do edificio social Toñito Espiñeira (os mozos realizarán un segundo pase ás 18.30 horas). Tamén pola tarde darán comezo os talleres de olaría e haberá, ademais, un expositor Pan en 3D. Non faltarán tampouco os espectáculos de zancos e malabaristas (ás 18.30 horas) e a sesión musical de noite (desde as 21.00 horas) cos grupos Zona Cero e América S.L.

Programa do domingo

O domingo, 12 de maio, a Festa do Pan arrincará ás 11.00 horas. Xa desde o inicio comezarán a exposición e venda de pan, os talleres e a feira medieval. Ás 12.30 horas haberá unha misa e procesión en honra a San Honorato, patrón dos panadeiros, que contará coa música do Grupo de Música Tradicional Arnela. A música continuará ás 13.30 horas coa actuación de Gaeloc Medieval e seguirá ás 14.00 horas co concerto de Lume.

Louband porá o toque musical pola tarde (ás 16.30 horas). Ás 17.30 horas levarase a cabo unha exhibición de cetrería. Gaeloc Medieval (18.00 horas), Louband (18.30 horas) e Lume (20.00 horas) encargaranse de amenizar o final da vinte edición da Festa do Pan.

Durante toda a fin de semana, o Campo da Feira contará cun expositor dos centros de ensinanza de Carral e, ademais, con outro en colaboración coa Asociación Española Contra o Cancro.

Relacionadas

Inés Rey destaca o traballo das máis de 350 nenas e nenos que expuxeron...

0
Durante esta tarde de venres as persoas participantes nesta edición amosáronlle á cidadanía na praza de María Pita os seus proxectos A alcaldesa, Inés Rey,...

Paderne celebra a súa memoria viva con máis de 200 maiores

0
 O goberno local homenaxeou á veciñanza máis veterana do municipio na Festa dos Maiores, un día con misa, un pleno simbólico e comida...

Neda pretende contar con catro áreas infantís dentro da Rede galega de parques sen...

0
A localidade foi unha das primeiras en sumarse a esta iniciativa autonómica de concienciación No Día Mundial sen Tabaco, o Concello Neda avanza a intención...

En marcha a campaña municipal de desbroce na rede viaria

0
Invístense 140.000 euros para actuar en 300 km de estradas, 83 km de camiños forestais e 32 hectáreas de terreos. O Concello iniciou a campaña...

O Concello obtén o Ciclo Medio en Carrozaría para o IES Eduardo Pondal e...

0
 A formación comezará a impartirse xa no vindeiro curso 2024-2025 e contará con 22 prazas  “As conversas coa Xefatura Territorial de Educación deron...

O PSdeG e as XSG presentan emendas ao regulamento do Consello Municipal de Mocidade...

0
Propoñen a creación dunha Comisión Executiva “real” e un pleno con representación da mocidade e con capacidades propias, incluíndo a participación no orzamento do...

Publicacións Relacionadas