Segundo estatísticas da Seguridade Social, con data deste ano, en Galicia hai rexistradas 52.716 persoas que contan co certificado de incapacidade permanente total, que recoñece que a persoa, debido a unha enfermidade grave, a un accidente que pode ser laboral ou non, ou por condicións crónicas limitantes para a profesión que desempeña, queda inhabilitada para desenvolver o traballo habitual pero non para realizar outras actividades laborais diferentes.
Moitas destas persoas reciben esta prestación cunha idade media de 55 anos, e queren seguir sendo operativas no mercado laboral, reciclarse para poder optar a un posto que poidan desenvolver sen prexudicar a saúde. Por iso chegan a COGAMI e contactan coa área de Emprego, especializada na atención de persoas que teñen o certificado de discapacidade do 33% como mínimo e tamén das persoas coa prestación por incapacidade permanente total que lles concedeu o Instituto Nacional da Seguridade Social.
A maior parte das persoas que reciben un certificado de incapacidade laboral chegan ao servizo de Emprego coa sensación de que a súa vida laboral rematou. Adoitan ser persoas cunha ampla traxectoria profesional, pero que agora deben enfrontarse a un proceso de busca de traballo nun contexto moi diferente ao que coñecían. Dende COGAMI oriéntaselles para valorar a obtención do certificado de discapacidade e explorar novas oportunidades. A través da formación, poden adaptarse a un novo emprego acorde á súa situación.
Persoas con incapacidade apuntadas en COGAMI
A día de hoxe, a bolsa de emprego de COGAMI conta con 16.935 persoas inscritas das que o 37% ten o certificado de incapacidade permanente total para a profesión habitual. Destas 6.185 persoas con incapacidade laboral, o 72% son homes e o 28% mulleres. Todas están apuntadas na bolsa de emprego porque queren volver ao mercado laboral e, no camiño cara a esta inserción, reciben información, asesoramento, orientación laboral e formación orientada ás demandas do mercado, ademais de participar nas ofertas laborais que xestiona a área Emprego de COGAMI.
Das 6.185 persoas inscritas na base de datos de COGAMI posuidoras do certificado de incapacidade permanente total, 1.025 están apuntadas na oficina de A Coruña, 707 na de Ferrol, 831 en Santiago, 790 en Lugo, 929 en Ourense, 1.024 en Pontevedra e 879 en Vigo. A través do servizo de Emprego de COGAMI poden volver incorporarse no mercado, como xa lograron 1.662 persoas durante o ano pasado, das que 756 tiñan incapacidade laboral.
Campaña COGAMI
COGAMI pon en marcha unha campaña de difusión para informar sobre a incapacidade laboral a través das redes sociais e mediante accións informativas en distintas sedes da Seguridade Social de Galicia. Con esta iniciativa, a entidade quere achegar información ás persoas que obteñen este certificado e que desexan seguir activas laboralmente, xa que en moitos casos descoñécese que poden continuar traballando.