O Concello de Tui participa na 70ª Asemblea Xeral da Red de Juderías de España

Redacción

Celébrase hoxe e mañá en Melilla reunindo aos 27 municipios integrados nesta agrupación

O Concello de Tui participa hoxe xoves e mañá venres na 70ª Asemblea Xeral da Red de Juderías de España-Caminos de Sefarad. Esta reunión que se celebra trimestral celebrarase en Melilla abordando aspectos clave e propostas e iniciativas futuras centradas na defensa e promoción do legado cultural e turístico sefardí.

O encontro reunirá aos 27 municipios que actualmente integran a Red, entre eles Melilla de recente incorporación. Tui estará representado pola concelleira de Patrimonio e Turismo, Ana María Núñez Álvarez, e pola concelleira de Cultura, Ensino e Mocidade, Sonsoles Vicente.

A Asemblea abordará aspectos clave e potenciais iniciativas centradas na defensa e promoción do patrimonio cultural e turístico sefardí, á vez que considerará puntos relacionados coa xestión municipal. “A idea é avanzar nunha estratexia común que fortaleza o perfil internacional da Rede, consolidando o seu papel dentro das Rutas Culturais Europeas e reforzando as alianzas con institucións académicas e culturais”, sinalou a concelleira Ana Núñez. Engade que “non debemos esquecer que o obxectivo común de todos e cada un dos membros da Rede é promover e difundir o rico patrimonio e a cultura sefardís que se atopan nas vilas e cidades unidas baixo esta entidade, poñendo en valor o patrimonio histórico do pobo xudeu en España”. A Red de Juderías é un proxecto consolidado que fai unha contribución significativa á oferta turística, cultural, etnográfica e patrimonial de cada unha das súas cidades membro.

Cómpre lembrar que Tui incorporouse á Red en 2019. A concelleira de Turismo e Patrimonio, Ana Núñez, destacou “o compromiso do Concello tudense coa preservación e difusión dun legado xudeu e sefardí que forma parte intrínseca da nosa historia e noso patrimonio”. Tamén salientou “o gran potencial do noso municipio grazas ao seu patrimonio histórico, paisaxístico, artístico e cultural, no que se integra o legado das comunidades xudías e sefardís que habitaron hai séculos en Tui” onde destaca a excepcional colección de sambenitos da catedral tudenses, excepcionais pezas que sitúan a Tui como unha referencia.

Durante este mes de setembro Tui está a desenvolver, un ano máis, a programación do seu “Setembro xudeu” coa celebración da 24ª edición das “Xornadas Europeas da Cultura Xudía”, un evento anual que volveu destacar a diversidade, a riqueza e a importancia do xudaísmo e o legado histórico das comunidades xudías en Europa. O tema central deste ano é o  “amor”. O programa previsto en Tui aglutina 13 actividades, con visitas guiadas e teatralizadas, presentacións, exposicións proxeccións,… que suscitan tanto o interese da veciñanza coma dos visitantes.   

Comparte este artigo