“Sensibilizar para protexer”: a cultura no rural

Redacción

Salceda de Caselas pon en marcha o programa cultural itinerante “Sensibilizar para protexer” que leva a igualdade ao rural. A iniciativa percorrerá todas as parroquias do municipio entre setembro e novembro con espectáculos de circo, títeres e contacontos protagonizados por mulleres.

A programación desenvolverase ao longo dos meses de setembro, outubro e novembro, e acaba de arrancar o pasado venres no Parque Raíña Aragonta co espectáculo 5.0 de Sue Moreno, unha proposta de circo aéreo e danza que contou cunha ampla participación de público familiar.

O proxecto, que acadou unha das maiores puntuacións na convocatoria de subvencións do Plan Corresponsables da Xunta de Galicia e que está cofinanciado polo Ministerio de Igualdade, foi solicitado conxuntamente polos Concellos de Salceda de Caselas e Salvaterra de Miño e garante que a cultura en clave de igualdade chegue a cada parroquia, superando a dispersión xeográfica.

Para acadalo, dous espectáculos principais percorrerán os distintos puntos das localidades:

“Elas”: Unha obra a cargo de Vero Rilo que presenta a historia de cinco mulleres abordando temas tan importantes como a loita feminista, a violencia de xénero, a maternidade ou a sexualidade. Unha experiencia profunda dende a infancia ata a madurez. Representarase en Castro Barreiro o 18 de setembro ás 21.30 e continuará en O Coto de Budiño, Parderrubias e A Picoña.

 “Costureiriña Bonita”: Un espectáculo de títeres para público familiar dirixido e protagonizado por Cristina Collazo que chegará á parroquia de San Xurxo tamén este 18 de setembro ás 21.30h e continuará en vindeiras datas nos centros culturais O Borralliño de Soutelo, A Feira e Entenza.

O broche final da iniciativa terá lugar o 15 de novembro na Praza do Concello coa representación de “As mil e unha”, unha proposta de narración oral e musical para toda a familia. Tódalas funcións do ciclo están protagonizadas por mulleres e abordan temáticas vinculadas á igualdade e ao respecto.

A alcaldesa de Salceda de Caselas, Loli Castiñeira, destacou a relevancia desta iniciativa para o municipio: “Con Sensibilizar para Protexer fomentamos a igualdade real, colaborando coas asociacións culturais e veciñais tan importantes no noso concello e garantimos que a cultura chegue a todas e cada unha das nosas parroquias. Queremos que a nosa veciñanza goce de propostas culturais de calidade e con perspectiva de xénero”

Con este programa, Salceda de Caselas e Salvaterra do Miño reforzan a súa aposta pola cultura descentralizada e a concienciación social a través das artes escénicas achegando 20 accións culturais as súas veciñas e veciños.

Comparte este artigo