O Concello de Frades, en colaboración co CPI de Ponte Carreira, conmemorou hoxe o Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra a Muller cunha escape room coa temática: mulleres importantes da historia de Galicia. Unha divertida iniciativa na que tomaron parte o alumnado de 3º de Primaria ata 4º da ESO.
O concelleiro de Ensino, Manuel Ferreiro Marzoa, participou nesta iniciativa “na que a rapazada abordou a problemática da violencia de xénero e a necesidade dunha igualdade real entre as persoas a través dun xogo ameno e divertido no que se lles daba visibilidade a moitas mulleres que foron importantes para a historia da nosa terra pero que non son coñecidas polo conxunto da sociedade”.
Ademais, o Concello de Frades repartiu material conmemorativo do 25N entre o alumnado do colexio, así como entre os nenos e nenas da parroquia de Abellá que acoden ao colexio en Xanceda (Mesía). Finalmente, a concelleira de Igualdade, Ángeles Álvarez Carro, deu lectura ao manifesto institucional contra a violencia de xénero diante da casa do concello. Dúas iniciativas organizadas polo Concello de Frades en colaboración co Ministerio de Igualdade e dentro do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero.