O exemplar, que vive no tanque da sala Nautilus, é un dos principais reclamos do museo científico herculino desde hai dúas décadas
O 24 de febreiro de 2006 chegou ao Aquarium Finisterrae un exemplar de tiburón touro (Carcharias taurus) procedente do acuario de Brest, na Bretaña francesa. Este tiburón, ao que se lle puxo o nome de Gastón no acuario coruñés, vive no tanque da sala Nautilus desde entón, xunto a outras especies de tiburóns e grandes peixes atlánticos, e converteuse en toda unha estrela para o público de todas as idades.
Gastón naceu nas frías augas da costa surafricana e cando foi capturado tiña uns 3 anos de idade, medía 180 cm de lonxitude e pesaba 50 quilogramos. Así chegou ao Oceanópolis, o acuario de Brest, onde viviu varios anos en compañía doutros exemplares da súa mesma especie, ata que a convivencia se volveu moi difícil, xa que se pelexaban frecuentemente e chegaron mesmo a causarse feridas e cortes na pel. Foi entón cando o seu persoal coidador decidiu que había que trasladalo, e chegou entón á Coruña.
Tras chegar ao Aquarium Finisterrae —medía entón 3 metros de lonxitude e pesaba 120 quilos— permaneceu en corentena durante varias semanas e adaptouse á temperatura das augas atlánticas, pois viña dun tanque tropical. Mantívose nun ambiente de tranquilidade, sen ruídos e con pouco movimento arredor.
Tras un tempo, Gastón comezou a comer con normalidade adaptándose con éxito ao novo hábitat. Gañou 20 quilos de peso, sinal de que o proceso de adaptación transcorrera con éxito, polo que se puido incorporar ao tanque da sala Nautilus, onde continúa tras 20 anos.
“Gastón é un dos principais reclamos do noso Aquarium e non hai mozo ou moza da Coruña que non o coñeza”, indicou a alcaldesa, Inés Rey, quen destacou o labor que se leva realizando no acuario coruñés desde a súa fundación para difundir o coñecemento científico do medio mariño.



