• O concelleiro non adscrito denuncia que os requisitos administrativos, técnicos e económicos están impedindo que a ampliación da rede municipal de abastecemento xa executada nesta zona de Marantes preste servizo ás familias
• Critica a falta de resposta do goberno municipal ás demandas da Asociación de Veciños Rego das Pedras e propón un servizo de asesoramento para facilitar as conexións
O concelleiro non adscrito de Santiago de Compostela, Gonzalo Muíños, denunciou este domingo a situación que están a vivir as veciñas e veciños dos lugares de Agualada e A Torre, na parroquia de Marantes, que continúan atopando importantes dificultades para conectarse á nova rede municipal de abastecemento de auga, malia tratarse dun servizo básico e dunha infraestrutura xa executada.
Muíños lembrou que as obras de ampliación da rede comezaron en febreiro de 2026 cun investimento de 849.958,16 euros. A actuación tiña como obxectivo levar o abastecemento municipal a arredor de 70 vivendas mediante a instalación de novas conducións e as obras complementarias necesarias.
Porén, segundo denuncia o edil, a realidade é que moitas familias seguen sen poder acceder ao servizo debido ás numerosas barreiras administrativas, técnicas e económicas que deben afrontar. Entre elas atópanse a necesidade de obter autorizacións de Augas de Galicia, adaptar instalacións ás actuais normativas de vertidos, tramitar licenzas urbanísticas ou conseguir informes sectoriais doutras administracións.
O concelleiro sinala que estas esixencias “están a provocar atrasos, elevados custos económicos e unha crecente sensación de incerteza entre a veciñanza”. Ademais, lembra que moitas das vivendas dispoñen de instalacións antigas que cumprían coa normativa vixente no momento da súa execución e que agora deben asumir adaptacións moi custosas para poder conectarse á rede.
A esta situación súmase, segundo explica Muíños, a demora nas solicitudes de conexión presentadas por veciñas e veciños doutros núcleos próximos, “que levan máis dun mes agardando por unha resposta clara do Goberno municipal”. Unha circunstancia que, ao seu xuízo, “evidencia unha falta de planificación e coordinación na posta en funcionamento dunha infraestrutura xa rematada”.
O edil tamén criticou que a Asociación de Veciños Rego das Pedras de Marantes remitise o pasado 22 de xuño un informe á alcaldesa recollendo todas estas incidencias sen que, ata o momento, recibise contestación por parte do Concello.
Por este motivo, Gonzalo Muíños defenderá no Pleno municipal deste martes unha iniciativa para instar ao Goberno local a revisar e adaptar as condicións actualmente esixidas para facilitar o acceso da veciñanza á rede municipal de abastecemento, aplicando criterios claros, proporcionados e acordes coa realidade da zona. Así mesmo, a proposta inclúe a creación dun espazo de asesoramento e acompañamento técnico ás persoas afectadas, co obxectivo de facilitar a tramitación da documentación necesaria, resolver incidencias e garantir que unha infraestrutura pública financiada con fondos públicos poida cumprir a finalidade para a que foi construída.

