O pleno extraordinario evidencia a falta de argumentos técnicos para abandonar o proxecto da residencia nas Saíñas
Luís Pérez Barral mostrou como o Goberno do Estado confirmou que non existe ningunha modificación normativa estatal que impida construír no emprazamento previsto e cuestiona que se pretenda trasladar o equipamento a San Roque sen presentar un informe técnico que xustifique a decisión
Ribeira, 8 de outubro de 2026. O Bloque Nacionalista Galego de Ribeira, xunto co PSdeG e os concelleiros non adscritos, volveu reclamar que a futura residencia pública de maiores se manteña nas Saíñas e que se fagan públicas as razóns técnicas que supostamente xustifican abandonar unha localización na que xa se investiron máis de 800.000 euros de fondos públicos.
A petición foi defendida polo exalcalde de Ribeira e portavoz municipal do BNG, Luís Pérez Barral, no pleno extraordinario celebrado este xoves, solicitado pola oposición para abordar especificamente a situación da residencia pública. A sesión tivo que ser convocada polo secretario municipal despois de que a alcaldesa, María Sampedro, se negara a convocar o pleno extraordinario, nun episodio que o BNG considera un desafío ás obrigas establecidas pola lexislación municipal e un intento de evitar un debate que resulta incómodo para o Partido Popular.
O PP vota en contra e retrasa a residencia de maiores
O BNG, o PSdeG e os concelleiros non adscritos presentaron unha iniciativa para instar á Xunta de Galiza a materializar o proxecto das Saíñas, así como a facer públicos os informes técnicos nos que supostamente se baseou a Consellería de Política Social para descartar esta parcela, explicar por que Augas de Galiza non emitiu o informe preceptivo correspondente e informar do calendario e dos orzamentos previstos para a tramitación e construción da residencia.
O Partido Popular votou en contra da iniciativa, provocando o atraso da residencia de maiores e tratando de ocultar toda a documentación. “Por que non ensinan os informes técnicos ou a suposta norma que establece que As Saíñas non é viable? Non os ensinan porque non existen. O único que poden alegar é unha consulta que non é vinculante nin preceptiva”, afirmou Luís Pérez Barral.
O portavoz nacionalista subliñou que “non estabamos pedindo nada extraordinario: estabamos pedindo transparencia, documentación e un calendario para saber cando se faría esa infraestrutura. O PP votou en contra para seguir coa súa mentira”, sinalou.
Mentiras sobre a seguridade das Saíñas
Pérez Barral criticou tamén que o Goberno de María Sampedro estea utilizando a seguridade e a posible inundabilidade como argumento para abandonar As Saíñas.
O portavoz do BNG explicou que a zona máis elevada da parcela sitúase arredor dos 6,5 metros sobre o nivel do mar e que a súa parte baixa está a unha cota superior á do paseo do Malecón, polo que cuestionou que se presente o emprazamento como incompatible coa construción dunha residencia por razóns de seguridade.
“Se se afirma que As Saíñas non é segura pola súa cota, hai unha contradición evidente: a residencia do Malecón está a unha cota inferior. Quere dicir iso que as persoas maiores que viven alí están en risco? Van pechar a residencia do Malecón por risco de inundación?”, preguntou Pérez Barral, que reclamou que este debate se faga con informes técnicos e non con falacias e sen documentación.
800.000 euros xa investidos nas Saíñas irían para o lixo
O BNG considera especialmente grave o impacto económico de abandonar As Saíñas. Nesa localización xa se investiron máis de 800.000 euros de fondos públicos, entre a adquisición dos terreos, o derrubo da antiga discoteca Hesta Kurva e a elaboración do proxecto.
“Non podemos aceptar con normalidade que se abandone un proxecto no que xa se investiron máis de 800.000 euros e se pretenda comezar practicamente de cero noutro lugar”, sinalou Pérez Barral.
O exalcalde lembrou que, tras un ano desde a moción de censura, non existe aínda un terreo cedido, nin un novo proxecto nin un orzamento definido para a residencia en San Roque, polo que considera que o cambio de localización pode provocar novos atrasos nunha infraestrutura que Ribeira leva anos demandando.
As Saíñas terreo céntrico, accesible e conectado co trasnporte público
Para o BNG, a localización dunha residencia non debe valorarse só polas características do edificio, senón tamén polas condicións de vida das persoas maiores que residirán nela.
As Saíñas permite que as persoas maiores desfrutaran da contorna natural da praia de Coroso e do paseo marítimo, ademais de estar conectado co transporte público. Pola contra, trasladar a residencia ao monte de San Roque suporía illar ás persoas maiores nun espazo alonxado, inaccesible con grandes pendentes e sen conexión directa co transporte público.
“As persoas maiores merecen poder seguir formando parte da vida de Ribeira, saír pasear, recibir as súas familias, acceder aos servizos e manter o contacto coa súa contorna”, defendeu Pérez Barral.
O BNG volve tender a man para desbloquear o proxecto
O portavoz nacionalista reiterou a disposición do BNG a colaborar para que a residencia pública sexa unha realidade canto antes. “Eu sigo tendendo a man. Sentémonos o Goberno municipal, nós e a Xunta e busquemos a solución, pero fagámolo con todos os informes enriba da mesa, con transparencia e pensando primeiro nas persoas maiores”, afirmou.
Pérez Barral defendeu que aínda é posible aproveitar o traballo e os recursos xa investidos e evitar novos atrasos. O exalcalde recriminou que María Sampedro, sempre poña por diante as siglas do PP antes que defender os dereitos da veciñanza e por iso convidouna a “poñer dignidade da veciñanza, especialmente das persoas maiores, por riba de calquera sigla. Deixen ao lado o sectarismo e demostren que son capaces de poñer a dignidade de Ribeira e das nosas persoas maiores por riba de calquera interese partidista porque cos documentos na man e coa mentira xa caída, hoxe só queda unha pregunta por responder neste salón de plenos: este Concello serve aos intereses do Partido Popular ou serve ao pobo de Ribeira?”
“O que está en xogo non son as siglas dun partido, senón onde van vivir e ser coidadas as persoas maiores de Ribeira. O BNG seguirá defendendo que se aproveite o investimento realizado, que se empreguen criterios técnicos e sempre nos atoparan nos proxectos que beneficien á veciñanza de Ribeira”, concluíu.

