HomeA CoruñaO Concello habilitará un dispositivo especial de transporte urbano a Riazor para...

O Concello habilitará un dispositivo especial de transporte urbano a Riazor para facilitar os esprazamentos de ida e volta no último partido do Deportivo esta tempada

- Anuncio -spot_img

O encontro terá lugar este domingo 1 de xuño (ás 18.30 horas). O primeiro servizo arrincará dúas horas antes, ás 16.20 horas, desde o campus universitario de Elviña

A concelleira de Infraestruturas e Mobilidade, Noemí Díaz, apuntou que “dispositivos como este contribúen a moldear o Estudo do Transporte Urbano que estamos a elaborar para definir o futuro servizo e o mapa de liñas”

Este domingo, día 1 de xuño, o Concello habilitará un dispositivo especial de transporte urbano en autobús co obxectivo de facilitar os desprazamentos de ida e volta á contorna de Riazor de cara á última xornada de competición do Deportivo, na que o conxunto herculino xogará fronte ao Elche como local (ás 18.30 horas).

Como en ocasións previas, o dispositivo arrincará dúas horas antes do partido. O primeiro servizo sairá ás 16.20 horas desde a Facultade de Informática da Universidade da Coruña (UDC), punto de partida dun percorrido que tamén fará paradas ante o edificio sindical de Someso, a avenida da Universidade e na contorna do aparcadoiro disuasorio de Lonzas. A continuación, os autobuses enfilarán a avenida Salgado Torres xa rumbo á praza de Pontevedra. Haberá frecuencias cada 12 minutos, ata as 18.30 horas.

Xa tras o partido, activarase o servizo de volta, con saídas desde o número 18 da praza de Pontevedra (parada de autobús 398). As paradas serán as mesmas que nas viaxes da ida, só que en sentido inverso, con final de liña na Facultade de Informática da UDC.
Cómpre lembrar, ademais, que ao longo da xornada tamén prestarán o seu servizo habitual as liñas 20, 21 e 22, que chegan a puntos da cidade como a Ponte Pasaxe ou Novo Mesoiro.

O dispositivo, enmarcado no plan de estudo de cara ao futuro servizo de transporte urbano

A concelleira de Infraestruturas e Mobilidade, Noemí Díaz, lembrou hoxe que, ao longo deste primeiro semestre de ano, xa se habilitaron dispositivos similares nos encontros do Deportivo fronte ao Cádiz e o Tenerife, “o que nos serviu para recoller datos e valorar a acollida desta iniciativa en termos de mobilidade, cunha perspectiva de futuro e atendendo á necesidade de fomentar o transporte compartido no contexto de grandes eventos”.

Díaz apuntou que, co Concello inmerso no plan de elaboración do Estudo do Transporte Urbano da Coruña, que permitirá definir o servizo e o futuro mapa de liñas, “é importante estudar os fluxos de mobilidade e tamén ter en conta que, ao longo do ano, hai citas ou eventos de moita afluencia que teñen unha periodicidade, polo que na planificación do servizo de transporte urbano é fundamental valorar estas cuestións”.

Tarifas bonificadas para as persoas usuarias da tarxeta Millennium física e a APP Coruña

Como xa é habitual, as persoas usuarias do servizo de transporte urbano da Coruña poderán aboar o custo dos billetes por medio da APP Coruña (co método de pago con QR) ou coa tarxeta Millennium en formato físico. En ambos os casos, con tarifas bonificadas: a xeral, 0,38 euros; a universitaria, de 0,15 euros; e a social, de 0,12 euros.
Tamén se poderá pagar o custo dos billetes en efectivo; caso en que a tarifa será de 1,30 euros.

Publicacións Relacionadas