Un convenio asinado entre a Consellería de Política Social e Igualdade e a Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (COGAMI) contribúe ao desenvolvemento de programas de atención a persoas con discapacidade e familias, ademais de prestar apoio ao mantemento da propia Confederación como das súas 60 entidades membro.
A través do programa APDF (Programas de Atención a Persoas con Discapacidade e ás súas Familias e do Mantemento de COGAMI e das súas Entidades Membro), correspondente ao exercicio 2026 e dotado cun orzamento de 1.069.797 €, desenvólvense servizos que contribúen a mellorar a calidade de vida e autonomía de máis de 29.000 persoas con discapacidade e familias en Galicia, maiormente procedentes de zonas rurais.
Un dos servizos que se ofrece é o de información, asesoramento e orientación, que presta apoio sobre cuestións de interese para as persoas con discapacidade, como a obtención do certificado de discapacidade, a accesibilidade nos fogares, a obtención de produtos de apoio, as prestacións e axudas económicas, a educación, a lexislación ou a formación.
A promoción da autonomía persoal, encamiñada á prevención da dependencia mediante o fomento da saúde a través de exercicios terapéuticos e rehabilitadores como a fisioterapia e a terapia ocupacional, é outra das liñas de actuación deste convenio. No ámbito da intervención social, préstase unha atención especial á muller con discapacidade embarazada e lactante, así como ás persoas con grande discapacidade.
Oportunidades de emprego
O convenio APDF impulsa tamén a intermediación laboral e a formación orientada ao emprego, co propósito de mellorar a cualificación profesional e académica das persoas con discapacidade e favorecer o seu acceso ao mercado laboral. Para iso, combínanse cursos de formación básica, obradoiros e outras accións formativas dirixidas a reforzar as competencias e facilitar novas oportunidades de inserción laboral.
Sensibilización e participación social
A sensibilización e a concienciación social sobre a discapacidade constitúen outro dos eixes centrais do programa. As actuacións están dirixidas ás propias persoas con discapacidade, ás súas familias e ao conxunto da sociedade.
Entre elas figuran charlas de prevención de lesión medular, xornadas de sensibilización sobre a discapacidade e sesións centradas nos aspectos psicosociais que a acompañan.
O fomento do voluntariado e a organización de actividades de lecer tamén forman parte das iniciativas financiadas, co obxectivo de favorecer a participación social das persoas con discapacidade e promover o seu acceso a espazos de convivencia e relación.
Apoio ao movemento asociativo
O convenio contempla, ademais, o apoio ao movemento asociativo, facilitando que COGAMI e as súas entidades membro poidan manter a súa actividade e desenvolver os seus fins sociais.
Deste xeito, o programa APDF contribúe tanto á prestación de servizos de atención directa como ao fortalecemento da rede asociativa que traballa a prol dos dereitos, a autonomía e a inclusión das persoas con discapacidade en Galicia.

