HomeA CoruñaO PSdeG de Santiago alerta da situación “dramática” no CHUS e responsabiliza...

O PSdeG de Santiago alerta da situación “dramática” no CHUS e responsabiliza á Xunta dos retrasos e listas de espera

- Anuncio -spot_img

O secretario local de sanidade, Brais Botana, denunciou “demoras inaceptables” no traslado de pacientes en Santiago de Compostela e reclamou máis recursos para garantir unha atención sanitaria eficaz.

O deputado socialista advertiu do aumento das listas de espera, especialmente nas cirurxías de prioridade un, e cualificou esta situación como “absolutamente inadmisible”.

O deputado socialista no Parlamento de Galicia e secretario xeral do PSdeG de Santiago, Aitor Bouza, xunto co secretario de Sanidade e Política Social da executiva municipal, Brais Botana, denunciaron hoxe “demoras inaceptables” no traslado de pacientes na área de Santiago de Compostela e reclamaron á Xunta de Galicia medidas urxentes para mellorar o transporte sanitario e reducir as listas de espera.

Durante a rolda de prensa, Botana explicou que “a raíz das noticias que se publican de xeito recorrente, sobre todo recentemente tamén das queixas dos pacientes e dos seus familiares, vimos denunciando que se producen unhas demoras de 14, 15, 16 horas, que consideramos que son demoras inaceptables no traslado de pacientes tanto de xeito programado como tamén en momentos puntuais de xeito urxente”.

O responsable de sanidade local responsabilizou ao modelo de externalización do servizo e á falta de recursos propios do Sergas, afirmando que “é un sistema que se basea por completo en concesións que son completamente privadas e isto, ao final, fai que o propio 061 non dispoña de ambulancias adicionais fora da rede urxente e limita a capacidade para poder responder como sistema”. Botana reclamou “ampliar de xeito urxente a flota de ambulancias tanto de soporte vital avanzado como tamén para transporte de pacientes de xeito programado e de atención máis básica” e propuxo unha “internalización progresiva deste servizo para contar con recursos propios”.

Aitor Bouza situou estas carencias nun contexto máis amplo de saturación da sanidade en Santiago de Compostela. Segundo o deputado socialista, “a situación que temos a día de hoxe na propia sanidade en Santiago de Compostela é dramática”. Lamentou casos concretos, como o dunha persoa maior que esperou “dezaseis horas e media no hospital por unha ambulancia”, e criticou o aumento das listas de espera para cirurxías: “Vimos como particularmente aquí en Santiago aumentaron tanto a media de espera como as persoas afectadas, pero tamén, sobre todo, as de prioridade un. Esta situación é absolutamente inadmisible”.

Bouza anunciou que levarán estas cuestións ao Parlamento de Galicia, reclamando un plan que permita reducir os tempos de espera e garantir unha atención sanitaria digna: “Esiximos que se produza un plan que leve a rebaixar o tempo de espera para cirurxías, pero sobre todo moi especialmente as de prioridade un”.

Capitalidade e orzamentos da Xunta

En resposta a preguntas dos medios sobre a partida orzamentaria destinada á capitalidade de Santiago, Aitor Bouza criticou que a cidade continúa “castigada pola Xunta de Rueda” e advertiu que, a pesar dos anuncios públicos sobre investimentos para a cidade, “cando oímos aos propios orzamentos, non se ve nas propias partidas, só vemos os anuncios, pero cando vamos ao detalle non se atopan todas esas cuestións e todos os compromisos”.

Bouza tamén cuestionou o papel de Borja Verea, sinalando que “non ten peso político no que respecta a súa influencia dentro da Xunta de Galicia, pero tampouco ten compromiso con os veciños e veciñas de Compostela porque non a persoa que quere ser alcalde desta cidade non pode ir ao Parlamento de Galicia a votar a favor dos orzamentos que relegan a cidade de Santiago de Compostela”. Engadiu que, “se o señor Verea vota a favor destes orzamentos, será un voto en contra de Santiago de Compostela e, a efectos da cidadanía, unha traizón aos veciños e veciñas da cidade, salvo que rectifique e aumente a achega para a capitalidade ata os sete millóns de euros que indican os informes”.
O deputado reclamou unha subida da partida destinada á capitalidade e subliñou que o PSdeG seguirá defendendo os intereses da cidadanía: “Non se pode renunciar a eles cando a Xunta despreza a propia cidade, cando non convoca nin os propios órganos nos que se debería ter que debatido iso”.

Bouza destacou tamén que, nos orzamentos xerais da Xunta, non se recollen de forma suficiente recursos para servizos públicos fundamentais, como sanidade e educación, o que, segundo explica, evidencia unha planificación deficiente e un trato insuficiente á cidade de Santiago de Compostela.

Publicacións Relacionadas