O PSdeG denuncia que Sanmartín volve prorrogar a xestión do aparcadoiro da Praza de Vigo por non ter resolta a súa municipalización

Redacción

A concelleira socialista Marta Abal critica que o goberno de Goretti Sanmartín aprobase unha nova orde de continuidade cando a municipalización dos aparcadoiros de Praza de Vigo e Praza de Galicia podería estar xa resolta se o executivo fixese os deberes a tempo.

As e os socialistas lembran que a comisión de estudo deu o visto e prace á municipalización o pasado 19 de xuño e denuncian que, máis de tres meses despois da data prevista para levar o expediente ao Pleno, seguen sen coñecerse avances.

A concelleira do Grupo Municipal Socialista Marta Abal denunciou a falta de planificación do goberno de Goretti Sanmartín na municipalización dos aparcadoiros de Praza de Vigo e Praza de Galicia, despois de que o executivo local aprobase onte unha nova orde de continuidade na xestión do primeiro deles, prolongando unha situación de precariedade contractual que podería estar resolta se o goberno municipal actuase a tempo.

Abal criticou que esta decisión supoña seguir “prolongando unha situación de precariedade contractual” que podería estar resolta “se o goberno de Goretti Sanmartín fixese os deberes a tempo”, lembrando que a comisión de estudo “deu o visto e prace á municipalización da xestión dos aparcadoiros o pasado 19 de xuño” e que a previsión inicial era elevar o expediente ao Pleno ordinario de xullo.

Porén, a concelleira socialista lamentou que “máis de tres meses despois seguimos sen noticias sobre os seus avances”, malia contar cun pronunciamento favorable da comisión. Para Abal, esta situación evidencia unha falta de planificación que está a impedir materializar unha decisión que debería permitir avanzar cara a un novo modelo de xestión de ambos os aparcadoiros.

Neste sentido, advertiu de que “a falta de xestión do goberno local está atrasando a posibilidade de mellorar as infraestruturas, ofrecer tarifas competitivas” e estudar o potencial destas instalacións para “dar apoio ao comercio local e á mobilidade da veciñanza residente”, perdendo así oportunidades para mellorar un servizo importante para Santiago.

Por todo isto, o Grupo Municipal Socialista reclama ao executivo de Sanmartín que informe dos avances realizados e concrete cando ten previsto levar ao Pleno a municipalización dos dous aparcadoiros. Abal cuestionou “canto máis vai ter que agardar Santiago para que este cambio se faga realidade” e lamentou que, polo de agora, “non temos noticias”, insistindo na necesidade de que o goberno local deixe de acumular atrasos e ofreza respostas.

Comparte este artigo