· Haberá seis premios entre a categoría xuvenil e a de persoas adultas e o prazo para enviar os traballos finaliza o 20 de maio.
· Valorarase a mirada feminista, a orixinalidade e a calidade das propostas.
Continúan desenvolvéndose as accións da sexta edición do programa ‘Bergondo en feminino’, impulsado desde a concellería de Servizos Sociais do Concello para a visibilización das mulleres do municipio, neste caso coa organización do primeiro concurso de foto-relatos ‘Bergondo en feminino’.
O obxectivo desta iniciativa é visibilizar ás mulleres a través do xénero literario e da creatividade. O prazo para presentar os traballos finaliza o 20 de maio ás 14 horas e deben ser enviados por correo electrónico a serezabel.rodriguez@bergondo.gal.
Entregaranse seis premios en total, divididos na categoría xuvenil (entre 12 e 18 anos) e persoas adultas (18 anos en diante). Para a categoría xuvenil o primeiro premio será un bono comercio por valor de 180 euros e para a categoría de adultos un bono comercio de 200 euros. En ambos os casos o segundo premio será un lote de libros e o terceiro premio unha maleta de materiais do proxecto ‘Bergondo en feminino’.
Para a designación dos premios o xurado valorará a mirada feminista dos relatos que se presenten, centrándose na importancia da historia para a sensibilización en materia de xénero, denunciando situacións de inxustiza ou visibilizando os avances sociais, loitas e experiencias das mulleres; a súa orixinalidade, elixindo un enfoque que poña no foco vivencias menos recoñecidas; e a calidade técnica do texto así como da imaxe que o acompañará.
Está previsto facer un acto de entrega de premios enmarcado dentro do evento de peche desta sexta edición do programa. Terá lugar o venres 30 de maio en horario de tarde no edificio sociocultural da Senra.
Bergondo en feminino
Esta iniciativa foi premiada a finais de 2023 pola Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP) e a Delegación do Goberno contra a Violencia de Xénero no VII Concurso de boas prácticas locais contra a violencia sobre as mulleres.
Creado en 2019, o seu obxectivo é rescatar a historia de bergondesas pioneiras, e en moitos casos esquecidas, que batallaron para abrir o camiño para gozar da sociedade que temos hoxe en día.
Entre as iniciativas desenvolvidas baixo o paraugas deste programa, está o renombramiento de sete centros sociais do Concello con nomes de veciñas ilustres, a realización de roteiros centrados na vida das homenaxeadas, ou a elaboración dun mapa virtual interactivo poñendo en valor a vida de 15 bergondesas.