Ribeira prepárase para unha nova carreira coa III Milla Día da Hispanidade

Redacción

 O evento deportivo terá lugar no 12 de outubro, ás 11.00 horas, dende o Malecón

O Concello de Ribeira colabora coa Escuela de Boxeo El Canario no desenvolvemento da III Milla Día da Hispanidade que terá lugar no luns, 12 de outubro, con saída ás 11.00 horas, dende o Malecón. Á presentación asistiron o concelleiro de Deportes, Álex Vidal, e Clara Millares, en representación de dita entidade.

O edil destacou o dinamismo do que goza Ribeira a nivel deportivo, sendo esta a segunda carreira dende que comezou o outono e que levará a práctica deportiva ao centro da cidade nun día festivo. Vidal tamén gabou o labor que desenvolve o club organizador con diversas probas como, por exemplo, a Carreira 5K ou a Velada de Boxeo Cidade de Ribeira.

Trátase dun circuíto homologado que transcorre por dita avenida completamente chaira. As categorías participantes abrangue dende soldadiños ata máster 4, tanto masculina como feminina, ademais de zapatilla inclusiva. A distancia a completar variará en función da modalidade. Haberá premios económicos aos tres mellores tempos, tanto masculino coma feminino.

As inscricións formalizaranse a través da páxina web www.carreirasgalegas.com ata as 23.59 horas do 8 de outubro. O importe a aboar establécese nos 5 euros dende a sub-16 ata a máster 4, mentres que é de balde para o resto.

Comparte este artigo