A programación especial arrincou cunha xuntanza do Club de Lectura co autor Eduardo Rojas
O Concello de Brión conmemorará mañá xoves o Día do Libro cunha dobre actividade organizada pola Biblioteca Municipal: unha solta de libros e un contacontos. Así, Trémola Teatro porá en escena o seu espectáculo “O secreto da biblioteca”, un contacontos participativo no que o público acompañará a Iria nunha aventura chea de misterio. A través de 45 minutos de xogos, pistas e libros que falan, os nenos e nenas de Brión descubrirán o segredo mellor gardado do reino das historias.
A participación neste contacontos é totalmente gratuíta e non é precisa inscrición previa. Terá lugar mañá xoves 23 de abril, ás 18:00 horas, na sala municipal de exposicións de Brión. Un espectáculo patrocinado polo programa Ler conta moito, da Rede de Bibliotecas de Galicia.
Solta de libros
Paralelamente, a Biblioteca Municipal de Brión organizará unha solta de libros denominada “Colle o teu libro e corre”. A iniciativa estará en marcha durante o horario de apertura da biblioteca: de 10:30 a 13:30 e de 16:30 a 21:00 horas, tempo durante o cal a cidadanía brionesa será agasallada cun libro a escoller no recibidor da biblioteca municipal.
“Despois das positivas experiencias de anos anteriores, onde repartimos entre a cidadanía libros de xeito totalmente gratuíto para así fomentar a lectura, retomamos este ano a actividade para celebrar o Día do Libro”, explica Pablo Lago, alcalde de Brión, quen lembra que “non é necesario traer libros para intercambiar, pero se alguén quere facelo tamén poderá ceibar na mesa os seus propios exemplares”.
A maiores, durante toda a semana a Biblioteca Municipal de Brión compartirá recursos culturais e informativos para a lectura e o lecer, recomendará libros e outros contidos para a lectura e realizará tamén una solta de libros virtuais, compartindo contidos dixitais accesibles en préstamo dende plataformas como GaliciaLe-eBiblio ou eBibliodacoruna.
Rebelión da lectura
A programación especial do Concello de Brión co gallo do Día do Libro rematará o 7 de maio, ás 18:00 horas, coa proxección do documental “A rebelión da lectura” na sala municipal de exposicións. Unha actividade patrocinada pola Deputación da Coruña que incluirá un debate posterior coas directoras do documental: Asun G. Losada e Alma Alonso. Entrada de balde ata completar a capacidade da sala.
O programa arrincou a pasada semana cunha reunión moi especial do Club de Lectura da BPM de Brión, que contou coa participación de Eduardo Rojas, autor de “Y apenas nada”, novela recomendada polo club para o mes de marzo. Durante case hora e media, os veciños e veciñas de Brión tiveron a oportunidade de explorar de man deste escritor mexicano todos os espazos narrativos da obra, a arquitectura íntima dos personaxes e os camiños da creación literaria. Esta é a segunda ocasión na que Eduardo Rojas asiste ao club de lectura de Brión. En 2016 xa acudira a outra xuntanza para presentar a súa novela “La mujer ladrillo”.

