O festival Lanzadeira celebra a súa edición máis especial para conmemorar o X Aniversario do Centro Xove

Redacción

O Centro Xove conmemora neste 2026 o seu décimo aniversario e vaino celebrar o próximo sábado coa edición máis especial do festival Lanzadeira. A cita será na praza 8 de marzo, coa participación de dúas das bandas con maior proxección do equipamento da Almáciga: Xalundes e Fuego Lolita. Con elas compartirá escenario un artista referente do rock galego: Maneiro.

A concelleira de Xuventude, María Rozas, presentou hoxe o festival Lanzadeira, unha iniciativa que naceu para “mostrar o talento musical emerxente que ten o seu epicentro no Centro Xove de Creación Cultural da Almáciga”. A tenenta de alcaldesa explicou que na actualidade “temos 50 bandas utilizando uns locais de ensaio que nos últimos anos quixemos profesionalizar, mellorando os seus recursos técnicos e humanos para estarmos á altura do talento dos grupos que os utilizan”. “O concerto do sábado”, insistou Rozas, “demostrará que este esforzo paga a pena, porque temos unha enorme calidade musical e moitas bandas cun futuro moi prometedor”.

Na rolda de prensa participaron tamén Adrián Caride, da banda Fuego Lolita; e Daniel León, de Xalundes. Os dous agradeceron as oportunidades e o apoio que lles brinda o Centro Xove “un equipamento que nos dá posibilidades infinitas, que nos permite afrontar cuestións que doutro xeito sería imposibles, tanto por razóns económicas como de falta de coñecementos, e que permite cumprir o que para moitos de nós é un soño”. Tamén puxeron en valor a oportunidade que supón “compartir escenario cunha persoa como Javi Maneiro, que é un referente para moitos de nós e do que temos moito que aprender”.

Pola súa banda, Javi Maneiro recoñeceu sentirse impresionado polas oportunidades que o Centro Xove lle ofrece aos novos grupos “oportunidades que nada teñen que ver coa situación que vivín eu cando empecei a miña carreira, que non tiñamos nin un lugar no que tocar”.

A mellor mostra do novo talento musical

O festival Lanzadeira celebrarase o vindeiro sábado na praza 8 de marzo, a partir das 20.00 horas e con entrada libre. O cartel está protagonizado por Xalundes e Fuego Lolita, dúas bandas que ensaian de maneira regular na Almáciga e que forman parte do programa de aceleradora de bandas do Centro Xove. O concerto será o peche da súa formación para ambos grupos, que están a ter unha importante proxección. Así, Xalundes vén de gañar o III Certame de Grupos Musicais da USC, no que Fuego Lolita acadou o segundo posto.

Ademais das dúas bandas, no Lanzadeira participará Maneiro, unha voz mítica do rock galego que está a presentar este ano novo traballo en solitario. O artista será o padriño de luxo do festival, culminando así a colaboración que mantivo nos últimos meses co Centro Xove, tanto co programa de residencias artísticas como co podcast do equipamento da Almáciga. O nome de Maneiro súmase así a unha longa lista de colaboracións do Centro Xove con figuras referentes da música galega actual, como The Rapants, Mondra, Fillas de Cassandra, Ortiga, Familia Caamagno, ou Dakidarria.

Unha posta en escena máis profesionalizada

Para celebrar estes dez anos de traxectoria do Centro Xove, o festival Lanzadeira dá un salto de calidade no seu formato cunha produción de nivel totalmente profesional. Suso Magaña, responsable do Centro Xove, explicou que haberá un novo deseño de escenario, que tamén terá maiores dimensións que en anos anteriores, e unha dotación técnica de primeiro nivel, con equipos de son de última xeración.

Estas melloras son posibles grazas ao novo contrato de xestión do Centro Xove da Almáciga, no que a Concellaría de Xuventude apostou por un reforzo dos recursos técnicos e materiais tanto para as actividades que se desenvolven no propio equipamento da Almáciga como para as que se executan fóra deste espazo.

Comparte este artigo