O PSdeG denuncia a parálise de Sanmartín e Rueda ante a crise da vivenda en Santiago

Redacción

As e os socialistas critican que, mentres regresan as longas colas do estudantado para atopar piso, ningunha das dúas administracións puxo en marcha medidas efectivas para facilitar o acceso á vivenda.

Aitor Bouza reclama a creación da empresa municipal de vivenda, un banco público de alugueiro para mobilizar as máis de 6.000 vivendas baleiras que hai na cidade e o incremento das residencias universitarias públicas.

O secretario xeral do PSdeG de Santiago e deputado no Parlamento de Galicia, Aitor Bouza, denunciou hoxe que a crise da vivenda continúa agravándose en Santiago sen que nin a Xunta de Galicia nin o Concello impulsen medidas eficaces para aumentar a oferta de vivenda accesible. O socialista advirte de que a chegada dun novo curso universitario volve poñer de manifesto un problema que segue sen resposta.
Bouza asegurou que as imaxes destes días son a mellor proba da falta de actuación das administracións. “Durante as últimas semanas volvemos a ver as longas colas do estudantado para poder atopar unha vivenda”, lembrou. Ao seu xuízo, a situación resume perfectamente a ausencia de solucións. “Cales foron as solucións? Ninguna.”

O dirixente socialista criticou que o Goberno da señora Sanmartín siga sen desenvolver ferramentas que contribúan a ampliar o parque público de vivenda, lamentando que “o Concello de Santiago non adopta ningún tipo das medidas que pode facer, como, por exemplo, crear a empresa municipal de vivenda”, e denunciou que o executivo local leva “tres anos sen facer absolutamente nada respecto a esta cuestión, moito compromiso, moita rolda de prensa, pero absolutamente ningún avance nesta materia.”

Bouza considerou que esta falta de iniciativa tamén se repite por parte da Xunta de Galicia, á que responsabilizou de non impulsar políticas que faciliten o acceso á vivenda ás persoas mozas. Segundo advertiu, “a administración con competencias na materia, como é a Xunta de Galicia, o señor Rueda, tamén está na mesma parálise absoluta”, polo que “non están a facer nada para que realmente se garanta que o alumnado ou os estudantes que poden vir aquí a Santiago de Compostela poidan ter onde vivir.”

Fronte a esta situación, o secretario xeral do PSdeG de Santiago reivindicou as propostas defendidas polos socialistas para aumentar a oferta de vivenda na cidade, entre elas máis residencias públicas e a mobilización das vivendas baleiras mediante un banco público. Ademais, lembrou que “tanto a señora Sanmartín como o señor Rueda votaron en contra de que se puidera facer ese banco público”, malia tratarse, ao seu xuízo, de “posibles solucións a un drama que existe na nosa cidade.”

Para rematar, Bouza asegurou que continuará reclamando medidas que garantan o dereito á vivenda e instou ás dúas administracións a pasar das palabras aos feitos. “Esiximos que a señora Sanmartín e o señor Rueda deixen de mirar cara outro lado, que deixen de facer anuncios e que se poñan a traballar para garantir o acceso á vivenda a todos e a todas.”

Comparte este artigo