O Grupo Municipal Socialista denuncia que o Goberno de Sanmartín continúa sen poñer en marcha a elaboración dunha nova Ordenanza de Convivencia, malia que a normativa vixente leva vinte anos sen actualizarse e xa non responde aos retos actuais da convivencia nin ás novas formas de uso do espazo público.
Gumersindo Guinarte reclama unha regulación unificada, moderna e participada, que aposte pola prevención, o civismo e a mediación fronte a un enfoque exclusivamente sancionador.
O voceiro do Grupo Municipal Socialista, Gumersindo Guinarte, reclamará no Pleno ordinario do mes de xullo que o Goberno municipal impulse de maneira inmediata a elaboración e aprobación dunha nova Ordenanza de Convivencia para Santiago, ao considerar que a normativa actual, aprobada hai vinte anos, quedou completamente desfasada e que o executivo local segue sen poñer en marcha un proceso necesario para adaptar a regulación ás necesidades da cidade.
Guinarte advertiu de que “a cidade necesita unha ordenanza transformadora, moderna e actualizada”, adaptada “ás necesidades do Santiago de hoxe e ás novas formas de uso do espazo público”. O voceiro lembrou ademais que a normativa vixente “ten vinte anos” e que foi concibida principalmente para regular cuestións relacionadas coa limpeza e os residuos, polo que “xa non dá resposta aos retos actuais da convivencia”.
O voceiro socialista advertiu de que “moitas das condutas que afectan á convivencia” están hoxe dispersas en distintas ordenanzas municipais, unha situación que, segundo explicou, “xera confusión e dificulta a súa aplicación”.
Por este motivo, o Grupo Municipal Socialista defende unha única Ordenanza de Convivencia que unifique a regulación existente. Guinarte apostou por “unha norma que unifique esa regulación, que sexa clara e accesible” e que sirva de guía práctica tanto para a cidadanía como para as persoas que visitan Santiago, ademais de constituír “unha ferramenta útil para os servizos municipais”.
Guinarte incidiu ademais en que esta nova ordenanza non debe limitarse a un enfoque sancionador. “Unha Ordenanza de Convivencia non pode concibirse unicamente desde unha perspectiva sancionadora. Ten que incorporar unha visión pedagóxica, preventiva e de sensibilización, promovendo o civismo, a corresponsabilidade e a mediación como instrumentos para mellorar a convivencia e previr os conflitos”, destacou.
Finalmente, Guinarte reclamou ao Goberno local que “este proceso se desbloquee de inmediato” e defendeu que “a elaboración da nova Ordenanza de Convivencia conte cun verdadeiro diálogo co tecido social e veciñal” para acadar “o maior consenso posible” arredor dunha norma que debe contribuír “a facer de Santiago unha cidade máis cívica, respectuosa e preparada para os retos presentes e futuros”.

