O deputado de Representación Institucional, Rosendo Fernández, coñeceu hoxe no Pazo Provincial os detalles desta competición deportiva que se celebrará mañá sábado, 20 de xaneiro
O deputado de Representación Institucional, Rosendo Fernández, coñeceu hoxe no Pazo Provincial os detalles do Campionato Galego de Inverno en K2-C2 Xunta de Galicia que se disputará mañá sábado, 20 de xaneiro, en Castrelo de Miño. A proba reunirá a 350 deportistas procedentes de 28 clubs de toda Galicia que competirán nas categorías Sénior e Xuvenil.
Trátase da primeira regata que dará comezo a esta tempada e que servirá, ademais, como preparatoria para o Campionato de España de Fondo. Cabe destacar que nestas regatas de Fondo, Galicia atesoura 28 medallas mundiais e europeas que dan boa conta do gran nivel que teñen os deportistas galegos desta disciplina.
Na presentación deste evento deportivo tamén estiveron o xefe do servizo de Deportes da Xunta en Ourense, Manuel Pérez; o alcalde e o concelleiro de Deportes de Castrelo de Miño, Avelino Pazos e Jose Antonio Ferreiro, respectivamente; o presidente da Federación Galega de Piragüismo, Alfredo Bea; e o presidente do Club Fluvial Avión-Castrelo de Miño, Pedro Andrés García.