A Deputación colabora un ano máis co Agrocuir para reivindicar un rural diverso, libre e inclusivo
– A Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo participou na presentación desta cita, que se celebrará o 20, 21 e 22 de agosto en Monterroso, e que conta cunha achega da institución provincial de 8.000 euros
A Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, participou este luns na presentación da undécima edición do Festival Agrocuir da Ulloa, que se celebrará os días 20, 21 e 22 de agosto en Monterroso. A institución provincial colabora, cunha achega de 8.000 euros, con esta proposta cultural que combina cultura, participación, reivindicación e celebración, e que ten como principal obxectivo visibilizar e defender a diversidade no medio rural.
Durante a presentación, Pilar García Porto destacou o traballo da Asociación Agrocuir da Ulloa e a importancia de apoiar iniciativas que nacen no propio territorio e que contribúen a dinamizar a vida social e cultural dos municipios. “Desde a Deputación consideramos fundamental apoiar iniciativas como o Agrocuir, porque nacen no propio territorio e porque queremos un rural vivo, no que todas as persoas poidan vivir e desenvolver os seus proxectos en liberdade, con igualdade de oportunidades e sen ningún tipo de discriminación”, sinalou a Deputada.
García Porto lembrou que a Deputación “colabora con esta proposta desde que se puxo en marcha” e subliñou que “o Agrocuir representa precisamente esa maneira de entender o territorio: un rural diverso, aberto e orgulloso de ser como é”. Destacou tamén o escenario escollido para presentar esta nova edición do festival, a Granxa Maruxa, en Monterroso, que definiu como “un exemplo do talento, da capacidade e da valentía das mulleres que apostan polo rural, crean actividade económica e xeran novas oportunidades desde o propio territorio”.
Nestes tres días de celebración, o Agrocuir converte diferentes espazos da Ulloa en lugares de encontro nos que a música, o teatro, a performance, os obradoiros e outras propostas culturais se mesturan coa defensa da igualdade e da liberdade.
O Festival aposta tamén pola participación da comunidade e pola creación de espazos de convivencia entre a veciñanza e as persoas que se achegan á comarca para participar na súa programación.

