HomeDeputaciónsDeputación PontevedraA Deputación avanza que destinará máis de 530.000 euros para financiar integramente...

A Deputación avanza que destinará máis de 530.000 euros para financiar integramente a mellora da seguridade viaria na estrada de Porto Cabeiro, en Redondela

- Anuncio -spot_img

A deputada provincial Sandra Bastos visitou hoxe o concello para anunciar que o organismo financiará a totalidade desta actuación entre a N-555 e o Camiño do Campiño para incorporar un itinerario peonil seguro que facilite o acceso ao CEIP Porto Cabeiro

A deputada provincial Sandra Bastos visitou hoxe o Concello de Redondela onde anunciou que a Deputación se encargará de financiar integramente as obras de mellora da seguridade viaria na estrada de Porto Cabeiro, entre a N-555 e o Camiño do Campiño, para incorporar un itinerario peonil seguro que facilite o acceso ao CEIP Porto Cabeiro. Farao a través dun investimento de 530.300 euros procedentes da liña 1 do Plan +Provincia que serán aprobados este mesmo venres na Xunta de Goberno do organismo provincial.

A deputada provincial deu conta dos traballos que se realizarán con estes recursos, que permitirán ao Concello de Redondela modificar a sección transversal da estrada de Porto Cabeiro para incorporar un itinerario peonil seguro que facilite o acceso ao CEIP Porto Cabeiro desde a estrada nacional N-555. En liñas xerais crearase unha calzada con dous carrís de 2,75 metros e unha beirarrúa de ancho variable, entre 1,1 metros e os 3 metros, con pavimento de formigón. Nas zonas con maior concentración de vivendas crearase unha plataforma única e no tramo máis estreito da vía, con edificacións a ambas marxes e onde se atopa unha nave industrial, separarase o tránsito peonil do rodado. A actuación completarase con elementos vexetais, ao longo do itinerario, que acompañarán tanto a beirarrúa como as zonas de estancia.

Bastos recordou que neste 2025 Redondela recibirá máis de 1,2 millóns de euros a través do Plan +Provincia da Deputación.  Neste eido enxalzou este programa que representa “á perfección a nosa forma de traballar, escoitando, atendendo e dando resposta ás demandas dos concellos para transformalos e, así, conseguir que esta provincia avance como nunca antes fixera”. A deputada asegurou que “plans como este permiten que concellos como Redondela poidan afrontar investimentos e impulsar actuacións transformadoras, como esta en Porto Cabeiro, que modernizan o territorio e melloran a calidade de vida das nosas veciñas e veciños”.

Publicacións Relacionadas