A Deputación colabora co II Ourense Musical, concerto gratuito con bandas ourensás, no Centro Comercial Ponte Vella

Redacción

A Deputación de Ourense colabora na celebración do concerto gratuíto “Ourense Musical”, unha cita que reunirá este venres, 29 de maio, a destacadas bandas e artistas ourensáns no Centro Comercial Ponte Vella a partir das 22.00 horas, tal e como anunciaron o director da Área de Cultura da Deputación, Marcos Vázquez; o xerente do Centro Comercial Ponte Vella, Marcos Vila; e o organizador do concerto, Fernando Calvo.

O evento contará coa participación dos grupos Syntonía, Amarillo Trece, Chao do Carrizo, Faylinn, Distance Sisters e Hyperakusia, ademais dunha exhibición de graffiti a cargo dos artistas “Dash” e “Most”, nunha proposta que combina música en directo e arte urbana para promover o talento creativo da provincia. Tamén haberá actuación dunha All Star Band.

A iniciativa busca ofrecer un escaparate para a música feita en Ourense e contribuír á dinamización cultural e social da cidade, apoiando especialmente aos artistas locais e ás novas propostas musicais.

Desde a Deputación de Ourense destacase a importancia de impulsar actividades culturais abertas á cidadanía, especialmente aquelas que permiten visibilizar o potencial artístico da provincia e crear espazos de encontro arredor da música e da creación contemporánea.

O concerto, de acceso libre e gratuíto, celebrarase no recinto do Centro Comercial Ponte Vella e conta coa colaboración de distintas entidades e colectivos vinculados á promoción cultural e xuvenil de Ourense.

Comparte este artigo