A Deputación continúa esta semana no Morrazo coas visitas do novo servizo de vixilancia, inspección e control da xestión de residuos

adminON
Lectura mínima de 2

Os técnicos do servizo de residuos mantiveron a pasada semana unha reunión coa directora da Mancomunidade do Morrazo para analizar a situación actual e visitaron as instalacións da planta de compostaxe

A Deputación de Pontevedra continúa esta semana nos concellos do Morrazo coas visitas do novo servizo de vixilancia, inspección e control da xestión de residuos (SEVIC), despois de pasar nas últimas semanas polos concellos de Baiona e Barro. Estas visitas teñen por obxectivo axudar aos gobernos municipais no cumprimento da nova lexislación nesta materia e que sexan parte activa na xestión responsable dos biorresiduos, contribuíndo así á preservación do medio ambiente e ao fomento de espazos más limpos e saudables para todos os seus habitantes.

Como paso previo ao comezo destas visitas, os técnicos de residuos da Deputación realizaron xa unha visita á Mancomunidade do Morrazo, reuníndose coa súa directora, Araceli Gestido, e a xerente, Alba Álvarez. Durante a xuntanza, os técnicos provinciais explicaron as actuacións que levará a cabo o servizo na comarca, como a orientación aos establecementos comerciais sobre as mellores prácticas para a separación e manexo adecuado dos residuos, a entrega de materiais educativos ou a avaliación do cumprimento da normativa aplicable, concretamente, na correcta separación dos residuos nas diferentes fraccións.

Actualmente xa son 16 os concellos da provincia adheridos a este servizo, despois de que nos últimos días se sumase O Porriño, que se une á Cañiza, A Guarda, As Neves, Baiona, Barro, Bueu, Cangas, Gondomar, Meis, Moaña, Mondariz-Balneario, O Rosal, Salceda de Caselas, Silleda e Tomiño. Ao abeiro do SEVIC, os produtores de residuos estarán suxeitos a inspeccións periódicas e serán levadas a cabo polo corpo de funcionarios habilitado pola Deputación, que terán a consideración de axentes da autoridade. Deste xeito, os feitos constatados por este persoal formalizaranse nunha acta e gozarán da presunción de certeza a efectos probatorios.

Comparte este artigo