O presidente Luis López confirmou que as axudas oscilan entre os 400 e os 2.500 euros para actividades de posta en valor do patrimonio inmaterial da provincia tanto no territorio propio como no exterior
A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra aprobou hoxe o reparto de preto de 35.000 euros para que 26 entidades ou asociacións sen ánimo de lucro de oito concellos da contorna do Salnés e Arousa poidan realizar actividades culturais. En total, as axudas oscilan entre os preto de 400 e os 2.500 euros para actividades de posta en valor do patrimonio inmaterial da provincia. “Seguimos, desta maneira, apoiando a cultura e ao sector cultural da provincia. Estamos ao seu carón para que poidan poñer en marcha iniciativas que cheguen a todos os habitantes da provincia –explicou o presidente provincial, Luis López-. Porque o acceso á cultura debe ser universal, e queremos contribuír a iso”.
En concreto, trátanse de dúas liñas de subvencións, dotadas cun total de 290.000 euros que chegarán a 228 entidades de 45 concellos. A primeira, para a posta en valor do patrimonio inmaterial da provincia, tamén para festivais, mostras, encontros ou certames culturais, así como para actividades centradas na pintura, escultura, arquitectura e banda deseñada, conta cun orzamento de 250.000 € e dela beneficiaranse 188 entidades da provincia. A segunda liña, dotada de 40.000 euros, chega a 40 asociacións para que poidan participar en festivais, certames ou concursos nacionais e internacionais, ou para intercambios culturais que potencien o patrimonio musical e cultural da provincia pero que se celebren fóra de Galicia.
Na contorna do Salnés e Arousa 23 asociacións de oito concellos recibirán achegas da primeira das liñas por un total de 29.500 €: unha asociación da Illa de Arousa contará con 851 €; sete de Cambados, con 11.084 €; dúas de Meaño, 2.326 €; dúas do Grove, 2.465 €; unha de Ribadumia, 1.134 €; dúas de Sanxenxo, 2.205 €; dúas de Valga, 1.702 €, e seis de Vilagarcía 7.764 €. No caso da liña 2, son tres as asociacións de dous concellos as que contarán cun total de 5.000 euros en axudas para as súas actividades culturais: dúas entidades de Cambados recibirán un total de 3.540 € e unha de Valga, 1.511 €.

