– Os traballos para acondicionar a LU-P-3506 contan cun investimento de case 325.000€ e consisten na reapertura de cunetas, na repavimentación con aglomerado en quente e na sinalización horizontal
A Deputación de Lugo vén de iniciar os traballos de rehabilitación da vía LU-P-3506, a estrada que conecta a aldea de Louxas co límite provincial de Asturias por Valdeferreiros, en Navia de Suarna. Con este proxecto, que conta cun investimento da institución provincial de case 325.000€, quedará arranxada a totalidade da vía que conta con algo máis de 4 quilómetros de lonxitude.
As obras, que está a realizar a empresa Hordescón SL, consisten na reapertura de cunetas, na repavimentación do firme con aglomerado en quente e na sinalización horizontal mediante o pintado de marcas reflexivas brancas. Os traballos, que contan cun prazo de execución de 3 meses, mellorarán as condicións de seguridade viaria, a comodidade e os desprazamentos da veciñanza.
Trátase dunha importante actuación porque esta vía pasa por destacados recursos naturais e patrimoniais, como as zonas de sendeirismo da contorna e a Igrexa de Valdeferreiros. Ao mesmo tempo, é unha estrada moi empregada pola veciñanza, polo que a súa mellora contribuirá a reforzar a as conexións territoriais, favorecer as comunicacións e seguir impulsando o desenvolvemento e a calidade de vida no rural.

