O sábado 22 representarase en Crecente a función “Running”, da compañía De Ste Xeito Producións, e o domingo 23 en Gondomar “As nosas letras”, do Mago Teto
+Escénicas é un novo circuíto da institución provincial, que na súa segunda edición contará con 195.000 euros, cunha completa programación de teatro e danza para os concellos de menos de 20.000 habitantes
A Deputación de Pontevedra leva este sábado e domingo 22 e 23 de febreiro o circuíto +Escénicas aos concellos de Crecente e Gondomar. Estas actividades enmárcanse no circuíto da institución provincial que apoia a programación de teatro e danza nos concellos de menos de 20.000 habitantes da provincia, e cuxa segunda edición acaba de ser convocada cun orzamento de 195.000 euros fronte aos 150.000 euros da primeira. Estas dúas funcións correspóndense á programación do primeiro circuíto, que chegará ata o mes de marzo a un total de 49 concellos.
En Crecente representarase a función “Running”, da compañía De Ste Xeito Producións, o sábado 22 ás 20:00 horas no Auditorio municipal. O espectáculo fala de fillas e fillos de parellas anteriores, nais divorciadas, avós na residencia, adolescentes co ‘pavo’ e as crises a distintas idades. Tamén das clases de ioga para liberar o estrés, as actividades extraescolares, os traballos, os deberes e as obrigas… Coidar de todo e de todos menos dun mesmo. Xulia e Román aínda non saben se se queren como Romeo e Xulieta, pois as súas circunstancias impídenlles brindar con esa primeira cervexa que podería facer nacer ou morrer o amor eterno.
En Gondomar representarase “As nosas letras” do Mago Teto, o domingo 23 ás 19:00 horas no Auditorio Lois Tobío. Neste espectáculo familiar a defensa do galego é o vehículo condutor das diferentes maxias que contén o espectáculo, unha homenaxe á cultura, á tradición e ás costumes galegas a partir dunha escolma de pezas da literatura galega: desde o Medievo ata os últimos anos, pasando polos Séculos escuros, o Rexurdimento, e o século XX, lembrando o contexto histórico que tanto influíu na situación actual da nosa lingua.
Co circuíto +Escénicas, a Deputación busca dar resposta á demanda que o sector profesional vén facendo desde fai máis de 15 anos. A cada concello corresponderalle no segundo ciclo do circuíto unha achega máxima de 3.800 euros para financiar ata cinco espectáculos, incluídos nun amplo catálogo de danza e teatro posto á súa disposición (e dispoñible no sitio web da Deputación de Pontevedra) e que segue medrando, xa que as compañías poden adherirse ata finais deste mes de febreiro.