Destaca as oportunidades de cidades coma A Coruña, Vigo ou Santiago de Compostela para acoller esta oferta dirixida ao ámbito dos encontros profesionais e de negocios
O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, asistiu esta tarde á IV entrega de Recoñecementos aos Embaixadores A Coruña MICE, organizada por A Coruña Convention Bureau, onde puxo en valor a profesionalidade de todos os protagonistas do turismo de encontros, congresos e reunións de negocios da comunidade galega. Durante a súa intervención, Xosé Merelles subliñou que para o Goberno galego este segmento turístico leva sendo clave desde hai moitos anos, con Galicia gañando en posicionamento como un lugar de referencia para acoller este tipo de eventos grazas a destinos como A Coruña, Vigo ou Santiago, entre outros.
“A nosa aposta por este segmento, lonxe de responder a unha cuestión conxuntural, parte dunha planificación que recoñece o turismo MICE como unha oportunidade para desestacionalizar a actividade turística e atraer visitantes de alto valor engadido ao longo de todo o ano, un aliado, na nosa aposta polo turismo premium”. Como dato, o gasto medio das persoas que viaxan a Galicia por este motivo sitúase en máis de 200€ por persoa e día, fronte aos 65,9€ da media turística.
Xosé Merelles tamén sinalou a importancia do impacto máis aló do económico. “Os eventos profesionais xeran un importante efecto multiplicador no territorio e permiten aos participantes descubrir o noso patrimonio cultural, gastronómico e natural”. No último trimestre do ano, Galicia terá presenza en seis encontros profesionais relacionados co turismo MICE.
Finalmente, manifestou o apoio á entidade A Coruña Convention Bureau polo seu traballo no fomento do turismo MICE, incentivando os congresos e os encontros profesionais na cidade herculina, que nos últimos anos estase a posicionar como un destino de referencia para a celebración deste tipo de eventos.

