“Pegadas de Castelao”, de Migallas Teatro, representarase ás 19:00 horas no Auditorio de Cerdedo
+Escénicas é o circuíto da institución provincial que leva unha completa programación de teatro e danza aos concellos de menos de 20.000 habitantes
A Deputación de Pontevedra leva este sábado 24 de maio o circuíto +Escénicas a Cerdedo, da man do espectáculo familiar “Pegadas de Castelao”, a cargo de Migallas Teatro. Trátase dunha actuación enmarcada na segunda edición desta iniciativa provincial, que apoia a programación de teatro e danza nos concellos de menos de 20.000 habitantes da provincia cun orzamento de 195.000 euros, 45.000 euros máis que na súa primeira convocatoria.
“Pegadas de Castelao” representarase no Auditorio de Cerdedo ás 19:00 horas e ten como obxectivo a difusión da figura e da obra de Castelao nas súas facetas de escritor, político, artista ou promotor cultural dunha forma amena. O espectáculo combina diferentes técnicas dramáticas, tales como os monicreques de silueta e de luva, cabezudos inspirados nos debuxos e relatos de Castelao, o teatro de actor, a pantomima ou o cantar de cego, que irán acompañadas por música en directo e cantigas populares vinculadas á súa figura. “Pegadas de Castelao” trata de amosar as profundas pegadas que deixou Castelao na historia e na cultura de Galicia, ademais de avivar o interese por el entre os máis cativos.
Co circuíto +Escénicas, a Deputación dá resposta á demanda que o sector profesional vén facendo desde fai máis de 15 anos. Tralo éxito da primeira edición, entre abril deste ano e marzo do próximo representaranse un total de 136 funcións, escollidas entre un catálogo de espectáculos dispoñible no sitio web da Deputación de Pontevedra, en 50 concellos da provincia de Pontevedra.