O encontro permitiu compartir o proxecto de residencia impulsado pola entidade e analizar os retos dunha inclusión educativa efectiva ao longo das distintas etapas formativas.
A Asociación Aceesca recibiu onte a visita de Rubén Pérez, secretario de Estado de Mocidade e Infancia, e de Xoán Carlos Montes Bugarín “Calis”, concelleiro e portavoz de Alternativa por Mondariz (AporM) no Concello de Mondariz.
Acompañados pola xerente da entidade, Ángeles Leirós, percorreron as instalacións para coñecer de primeira man o traballo que desenvolve Aceesca en apoio ás persoas con discapacidade intelectual e as súas familias, prestando especial atención ao futuro centro residencial que a entidade está a impulsar e ao labor que desenvolve a través do seu centro educativo.
Un dos principais temas abordados durante o encontro foi este futuro recurso residencial co que Aceesca busca dar resposta a unha necesidade histórica da comarca. Neste sentido, Ángeles Leirós destacou a importancia de contar con este servizo, imprescindible para ofrecer alternativas de futuro ás persoas con discapacidade intelectual e achegar tranquilidade e apoio ás súas familias, moitas das cales carecen actualmente de servizos especializados próximos que dean resposta ás súas necesidades.
A visita permitiu ademais intercambiar impresións sobre a realidade educativa das persoas con discapacidade intelectual e os retos que aínda existen para garantir unha inclusión efectiva en todas as etapas formativas. Durante o encontro, Rubén Pérez mostrou un especial interese polas experiencias e necesidades do alumnado unha vez finalizada a Educación
Primaria, así como pola importancia de seguir xerando oportunidades e respostas adaptadas a cada etapa da vida.
Desde Aceesca agradecen o interese e a proximidade mostrados durante a visita, que permitiu compartir proxectos, experiencias e reflexións ao redor dos apoios, oportunidades e recursos necesarios para favorecer a inclusión e a participación das persoas con discapacidade intelectual e as súas familias.

