A Xunta declara en situación de seca prolongada o conxunto da demarcación de Galicia-Costa ante a redución sostida das precipitacións

Redacción
  • Esta decisión non implica por si mesma restricións nos usos e consumos de auga, que seguen dependendo da situación de escaseza de cada sistema
  • Mentres que no conxunto da conca non se producen cambios significativos respecto á última reunión da Oficina Técnica da Seca, o sistema do río Grande, en Camariñas, constitúe a excepción e desactívase a prealerta por escaseza ante a boa evolución dos seus indicadores nas últimas semanas
  • Un total de 123 concellos están incluídos parcial ou completamente en zonas afectadas pola escaseza: 32 en alerta ou con medidas equivalentes e 91 en prealerta
  • O resto da demarcación hidrográfica segue en situación de normalidade en canto á escaseza, cunha ocupación dos encoros de abastecemento do 44,7%

A Xunta decidiu declarar en situación de seca prolongada o conxunto da Demarcación Hidrográfica de Galicia-Costa logo de analizar a evolución dos últimos indicadores de seca e ante un escenario de redución das precipitacións sostida no tempo.

Trátase dunha medida prevista no Plan especial de seca aprobado en 2022, que xa se aplicara na totalidade da conca en xullo dese mesmo ano e que non implica por si mesma restricións. De feito, a efectos prácticos as limitacións e posibles medidas de aforro sobre os abastecementos municipais afectados seguirán dependendo da fase de escaseza en que se atope cada sistema (é dicir, prealerta ou alerta) e non da propia declaración de seca prolongada, concibida para constatar unha diminución sostida das precipitacións respecto dos niveis habituais.

A Oficina Técnica da Seca celebrada hoxe –presidida polo director de Augas de Galicia, Roi Fernández xunto a outros cargos do organismo hidráulico e representantes de Protección Civil, de MeteoGalicia e das Consellerías de Sanidade e do Medio Rural–  acordou adoptar esta medida e estender así o escenario que xa se decretara a finais de setembro nos sistemas do Ulla-Tambre e da Costa Norte ao conxunto de Galicia-Costa.

Faino tras analizar tanto os datos meteorolóxicos como a evolución dos caudais circulantes nos ríos da conca e outros indicadores de seca e escaseza. Así mesmo, na reunión tamén acordaron manter a situación actual con respecto á escaseza, coa única excepción do sistema do río Grande, en Camariñas, no que se desactiva a prealerta ante a boa evolución dos principais indicadores detectada durante as últimas semanas.

Un total de 123 concellos están parcial ou completamente incluídos nas unidades afectadas pola escaseza conxuntural de auga: 32 en alerta ou con medidas equivalentes e outros 91 en prealerta. Neste último caso, con todo, a incidencia na práctica é desigual, xa que nalgúns concellos só unha parte reducida do territorio pertence á unidade afectada e o sistema principal de abastecemento capta a auga noutra bacía.

No resto de Galicia-Costa mantense a normalidade por escaseza e segundo os últimos datos de ocupación dispoñibles, os encoros de abastecemento sitúanse no 44,7% da súa capacidade, 14 puntos menos que por estas mesmas datas en 2025.

Implicacións nos concellos afectados

O nivel de alerta é o segundo máis alto dos establecidos no Plan especial de seca e supón intensificar as medidas para conservar os recursos existentes. Entre as actuacións que poden adoptarse, segundo as necesidades de cada sistema, figuran a limitación de usos non prioritarios, como o baldeo de rúas, o enchido de piscinas ou a rega de xardíns, así como outras medidas de redución dos consumos.

En concreto, os 32 concellos afectados son Beariz, Barro, Bueu, O Campo Lameiro, Cangas de Morrazo, Cerdedo Cotobade, A Estrada, Forcarei, A Lama, Marín, Meaño, Meis, Moaña, Moraña, Poio, Ponte Caldelas, Pontevedra, Sanxenxo, Silleda e Vilaboa, da UTE río Lérez; Arteixo, Cabana de Bergantiños, Carballo, Cerceda, Coristanco, Culleredo, A Laracha, Malpica de Bergantiños, Ponteceso, Tordoia e Zas, do río Anllóns; e Baiona.

Así mesmo, o escenario de prealerta implica un seguimento intensivo da situación meteorolóxica e dos niveis de ríos e encoros así como das posibles incidencias. Ademais, prevense medidas de concienciación cidadá para facer un uso responsable da auga e recoméndase minimizar gastos públicos non esenciais. De feito, neste escenario solicitouse aos municipios que comunicaran os seus datos diarios de caudais de consumo.

Os 91 concellos incluídos territorialmente nas UTE en prealerta e non contados xa nas zonas en alerta, para evitar duplicidades, son:

  UTE río Tambre e ría de Muros      Abegondo, Ames, Arzúa, A Baña, Boimorto, Boiro, Boqueixón, Brión, Carnota, Carral, Curtis, Frades, Lousame, Mazaricos, Melide, Mesía, Muros, Negreira, Noia, Ordes, Oroso, Outes, Oza Cesuras, O Pino, A Pobra do Caramiñal, O Porto do Son, Rianxo, Ribeira, Rois, Santa Comba, Santiago de Compostela, Sobrado, Toques, Trazo, Val do Dubra e Vilasantar
  UTE río Mandeo e ría de Betanzos  Aranga, Bergondo, Betanzos, Coirós, Irixoa, Miño, Monfero, Oleiros, Paderne, Sada, Vilarmaior, Friol e Guitiriz
  UTE río Landro e río Ouro  Alfoz de Castrodouro, Foz, Muras, Ourol, O Valadouro e Viveiro
  UTE Ferrol (río Mera, ría de Ortigueira e ría de Cedeira)  Ares, Cabanas, A Capela, As Pontes de García Rodríguez, Cerdido, Fene, Ferrol, Mugardos, Narón, Valdoviño, Moeche, Neda, San Sadurniño e As Somozas
  UTE río Verdugo, ría de Vigo e ría de Baiona  Fornelos de Montes, Gondomar, Mondariz, Nigrán, Oia, Pazos de Borbén, Redondela, Soutomaior e Vigo
  UTE costa de Pontevedra  A Guarda e O Rosal
  UTE río Umia e ría de Arousa marxe esquerda  A Illa de Arousa, Caldas de Reis, Cambados, Cuntis, O Grove, Portas, Ribadumia, Vilagarcía de Arousa e Vilanova de Arousa
  UTE río Mero, Arteixo e ría da Coruña  A Coruña e Cambre

Comparte este artigo