Ponteareas convértese na sede das probas cinolóxicas dos “Xogos Europeos de Policías e Bombeiros 2026”

Redacción

O concello de Ponteareas acollerá entre este venres e o domingo tres das probas estrela dos Xogos Europeos de Policías e Bombeiros, concretamente as correspondentes ás unidades cinolóxicas. Os cans de rescate serán os grandes protagonistas duns campionatos que poñerán a proba a axilidade e a capacidade de rastrexo destes animais.

En total, o municipio albergará tres disciplinas diferentes. A primeira delas será a de “Busca en grandes áreas”, que se desenvolverá nos terreos situados na parte traseira do Convento de Canedo. A segunda modalidade, a de “Busca en cascallos e estruturas colapsadas”, terá lugar nunha zona de campo aberto situada en Ribadetea, mentres que a terceira proba será a de “Busca por olor de referencia”, que volverá ter como escenario as inmediacións do Convento de Canedo.

A Unidade Cinolóxica de Ponteareas, que está dirixida polo bombeiro Jesús Rodríguez, conta na actualidade cun equipo de 8 cans cos seus respectivos guías. Para esta gran cita europea, serán 5 os cans encargados de representar ao municipio: Rocky, Boby, Dana, Ares e Xena.

Apoio institucional
A elección de Ponteareas como sede destas probas foi froito dunha petición expresa da organización dos Xogos Europeos, que atopou a total colaboración da Goberno local e da Unidade Cinolóxica. O concelleiro de Emerxencias, Juan Carlos González, coordinou persoalmente a validación dos terreos xunto aos organizadores e quixo poñer en valor este fito.

González puxo de manifesto que “dende o primeiro momento en que se nos presentou o proxecto, desde o Concello apoiamos a posta en marcha da Unidade Cinolóxica e seguímolo facendo hoxe en día pola gran importancia social do seu labor”, destacou o edil de Emerxencias, quen tamén aproveitou para “desexar a maior das sortes aos nosos representantes nos Xogos”, esperando que se logren uns excelentes resultados nestas xornadas.

Pola súa banda, a alcaldesa de Ponteareas, Nava Castro, amosou a súa satisfacción porque o municipio convértase no epicentro deste evento internacional, apuntando que “é un orgullo para Ponteareas acoller unha competición deste nivel. Poñemos todos os nosos recursos a disposición do evento para garantir o seu éxito e consolidar o noso concello como un referente en acollida de probas deportivas internacionais de calidade”, sinalou a rexedora. Nava aproveiotu para desexarlle “moita sorte a unidade cinolóxica municipal nestes xogos”

As expectativas de Unidade Cinolóxica de Ponteareas son altas, tras os excelentes resultados obtidos na edición anterior, celebrada no ano 2024 na localidade portuguesa de Braga. Nese torneo, o can Ares, xunto ao seu guía Jesús Rodríguez, alzouse coa segunda praza na proba de “Busca en grandes áreas” e acadou o cuarto posto na categoría de “Busca en cascallos e estruturas colapsadas”. A pesar disto, Rodríguez móstrase cauteloso sobre a posibilidade de repetir ou mellorar os éxitos de 2024, aínda que apunta con optimismo e bo humor que “algo rascaremos”.

Comparte este artigo