O presidente provincial, Luis Menor, mantivo un encontro co presidente da Academia, Andrés Hermida, nunha reunión na que se constataron os “satisfactorios resultados” da relación entre ambas institucións
O presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, mantivo un encontro de traballo co presidente da Academia de Ciencias Veterinarias de Galicia, Andrés Hermida, no que se abordou a longa e fluída colaboración que mantén a Deputación coa institución científica, apoiando o labor que desenvolve desde o Pazo de Fontefiz (Coles), e cunha ampla representación da provincia na directiva.
Tamén coa presenza do secretario xeral da Academia, José Ramón Justo, na reunión constatáronse os “satisfactorios resultados” da relación entre ambas institucións, destacou Luis Menor, “o que garante a continuidade desta colaboración”.
Para o presidente provincial, as actividades que desprega a Academia de Ciencias Veterinarias de Galicia son de “gran interese”, polo que o apoio por parte da Deputación manterase no futuro para seguir desenvolvendo iniciativas na provincia, tanto a favor do sector primario como tamén “nun ámbito importante como é a prevención e mellora da saúde pública, na que os veterinarios teñen amplas competencias”.

