HomeTabeirósA EstradaA Deputación mobilizou preto de 10 millóns en Deza e Tabeirós-Terra de...

A Deputación mobilizou preto de 10 millóns en Deza e Tabeirós-Terra de Montes a través do Plan +Provincia para financiar máis de 40 obras

- Anuncio -spot_img

A institución provincial outorgou axudas por valor de 5,5 millóns de euros aos concellos de Agolada, Dozón, A Estrada, Forcarei, Lalín, Rodeiro, Silleda e Vila de Cruces

A Deputación de Pontevedra mobilizou a través do Plan +Provincia un total de 9,7 millóns de euros para realizar 41 investimentos nas comarcas de Deza e Tabeirós-Terra de Montes, con axudas da institución provincial valoradas en 5,5 millóns de euros que recalaron nos concellos de Agolada, Dozón, A Estrada, Forcarei, Lalín, Rodeiro, Silleda e Vila de Cruces.

En Agolada, a Deputación mobilizou un total de 458.119,72 € a través de 2 proxectos financiados integramente con estes fondos provinciais: a mellora de camiños de titularidade municipal en Aldea do Monte, Bidueiros e Quintela, e mais a subministración dun vehículo tipo tractor con destino á área de infraestruturas e servizos do concello.

En Dozón mobilizáronse un total de 989.956,27 € que obtiveron axudas por valor de 278.450,83 € do Plan +Provincia, cos que se fixo fronte ao financiamento de 10 proxectos: a rehabilitación dun edificio para uso sociocultural no Castro, a mellora da eficiencia enerxética nas futuras vivendas de alugueiro social e no CEIP Pío Cabanillas, a mellora do pavimento no camiño do Río (A Lama), a mellora de drenaxe e firme no camiño da Carballeira e anexos, a mellora de camiños na concentración parcelaria de Maceiras – Perei, a mellora do firme no camiño entre As Maceiras e Pereirón, a mellora do pavimento nos accesos a Piñeiro desde a EP-6104, a rehabilitación do lavadoiro no Mosteiro e a renovación do acabado exterior do local sociocultural de Saa.

Na Estrada, o Plan +Provincia deixou un total de 1.391.906,58 € para cinco proxectos que mobilizaron un total de 1.511.392,29 €: a pavimentación de vías rurais, a mellora das piscinas municipais, a conservación de camiños rurais, o acondicionamento dos xardíns e a adquisición do antigo edificio do INEM.

En Forcarei, a Deputación achegou 549.641,95 € para tres proxectos financiados integramente: a adquisición dun vehículo para a recollida e traslado de residuos, a mellora do pavimento na rúa Francisco Filgueiras (fase I) e a mellora de cunetas en vías de Dúas igrexas e Quintelas.

En Lalín, as achegas provinciais supuxeron unha inxección de 1.278.961,52 € para financiar seis proxectos cunha mobilización total de 3.881.070,51 €: a adquisición de terreos para a gran praza de Lalín (incluída a casa de Don Álvaro), a construción do edificio polivalente de Carragoso, a adquisición dos terreos xunto ao Lalín Arena para a ampliación da zona deportiva, a adquisición dun pisón e a subministración de bancos.

En Rodeiro, dúas axudas por valor de 515.601,73 € mobilizaron en total 779.129,34 € para posibilitar o reforzo e pavimentación en rúas e vías das parroquias do Az, Guillar, Santa Mariña de Pescoso, O Salto, Camba, Carboentes, Asperelo e Arnego, e mais actuacións de iluminación exterior sostible.

En Silleda, un total de oito proxectos mobilizaron 1.075.361,31 € grazas a axudas do +Provincia valoradas en 650.762,51 €: a mellora de camiños en Manduas, Refoxos, Breixa, Saídres, Laro e Casamaría – Rabo de Gato, a mellora das infraestruturas viarias do parque empresarial Área 33, a mellora da mobilidade peonil e rexeneración urbana no centro da Bandeira, a ampliación do parque infantil da Bandeira, a adquisición dun remolque e unha trituradora polivalente lateral para protección do medio ambiente e espazos naturais, a subministración dunha pedra para a balaustrada do parque a carón da igrexa de Silleda e a adquisición de elementos para o parque biosaudable das Pedrosas.

En Vila de Cruces, a Deputación achegou un total de 393.685,50 € a través do Plan +Provincia para financiar integramente cinco actuacións: a mellora da capa de rodaxe de camiños municipais, a mellora do espazo público en Travesía Vázquez, nº 4, a construción dun depósito de auga para a extinción de incendios no lugar de Pousadoiro-Carbia, a construción dun muro de contención no lugar de Moa (Merza) e a humanización e mellora da accesibilidade nas rúas Manuel Iglesias e Vázquez.

O Plan +Provincia tivo un orzamento de 48,2 millóns de euros, dos que se beneficiaron todos os concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia e que supuxeron unha mobilización de preto de 53 millóns de euros en arredor de 400 proxectos. O plan de cooperación municipal da Deputación de Pontevedra volverá ser histórico en 2025, con outros 48,2 millóns de euros á disposición dos concellos da provincia baixo as claves de cooperación, equilibrio e respecto á autonomía local.

Publicacións Relacionadas