A Deputación presenta o III Programa de Fomento Deportivo co obxectivo de chegar aos 92 concellos da provincia con máis de trinta disciplinas

Redacción
PRESENTACIÓN PROGRAMA FOMENTO DEPORTIVO O presidente provincial, Luis Menor, participa na presentación do III Programa de Fomento Deportivo da Deputación. No Parque Náutico de Castrelo de Miño.

O presidente provincial, Luis Menor, destacou o papel do deporte como ferramenta de cohesión social, saúde e dinamización do rural nun acto en Castrelo de Miño, no que participaron representantes de clubs, federacións e concellos

O programa incrementa o seu orzamento ata os 100.000 euros e incorpora novas disciplinas como karate, tríatlon, rugby ou volei praia

Desde a primeira edició, con 45 concellos e 2.400 participantes no ano 2024, pasouse a 73 concellos e máis de 4.200 participantes na edición de 2025

O presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, presentou hoxe a terceira edición do Programa de Fomento Deportivo 2026 nun encontro celebrado con representantes de clubs, federacións deportivas e concellos da provincia, no que puxo en valor o deporte como “unha ferramenta fundamental para construír unha provincia máis activa, máis saudable e máis cohesionada”.

Luis Menor agradeceu a implicación das entidades deportivas e dos municipios participantes, subliñando que este programa “non sería posible sen o traballo diario de clubs, asociacións, monitores e federacións que levan o deporte a cada recuncho da provincia”.

O presidente provincial destacou que esta iniciativa da Deputación busca garantir que “todos os veciños, vivan onde vivan, teñan acceso á práctica deportiva e aos valores que representa o deporte”, especialmente nos pequenos concellos do rural.

Durante a presentación, Menor lembrou a evolución do programa desde a súa primeira edición, pasando de 45 concellos e 2.400 participantes no ano 2024 a 73 concellos e máis de 4.200 participantes na edición de 2025. Para este ano, o obxectivo marcado pola Deputación é chegar aos 92 municipios da provincia.

O titular do goberno provincial incidiu tamén no impacto positivo do programa na promoción de hábitos saudables, na prevención do sedentarismo e no impulso da convivencia interxeracional a través do deporte en familia. Neste sentido, destacou que a iniciativa está aberta a persoas de todas as idades, con participantes desde os 3 ata os 90 anos.

Máis de 30 modalidades deportivas

A terceira edición, que se desenvolverá ata outubro, contará cun investimento de 100.000 euros e incluirá máis de trinta modalidades deportivas, entre elas tenis de mesa, balonmán, fútbol feminino, atletismo, escalada, piragüismo, remo, xadrez, orientación, kickboxing ou equitación, incorporando ademais novidades como karate, tríatlon, rugby e volei praia.

Entre as novas iniciativas previstas para este ano destacan tamén as escolas provinciais de xadrez e balonmán, así como os circuítos provinciais de tenis de mesa e baloncesto 3×3.

Luis Menor puxo en valor o modelo de colaboración do programa, desenvolvido da man dos clubs, federacións e asociacións deportivas da provincia, asegurando que “Ourense conta cun tecido deportivo comprometido, dinámico e preparado para seguir facendo do deporte unha ferramenta de transformación social”.

Comparte este artigo