Almudena Cid, nais diversas de Lugo e profesionais sanitarias falarán de maternidades nun foro da Deputación e da SER

Redacción

– O salón de actos do Pazo de San Marcos acollerá a cuarta edición deste foro feminino, no que participará a ex-ximnasta olímpica, nais profesionais con  diferentes modelos familiares e expertas en reprodución, xinecoloxía e solo pélvico

-A presidenta provincial, Carmela López, abrirá ás 19:30h unha gala conducida pola xornalista Sara Meijide, e que combinará conversa, experiencias persoais, divulgación, humor, música, participación e moitas sorpresa

A Deputación de Lugo e a Cadena SER volverán poñer as experiencias das mulleres no centro do debate coa celebración dunha nova edición de Con Voz de Muller, que terá lugar o vindeiro 23 de outubro, a partir das 19:30 horas, no Salón de Actos do Pazo de San Marcos. Baixo o lema Nin boas nin malas: nais, a cuarta edición deste encontro propón falar da maternidade desde a diversidade, afastándose de modelos únicos e das etiquetas sobre o que significa ser nai.

A presidenta provincial, Carmela López, será a encargada de abrir o evento nunha conversa coa xornalista Sara Meijide, creando un espazo de reflexión que dará paso á mesa redonda Maternidade sen manual. Nela participarán tres mulleres con percorridos moi diferentes, pero todas cun elemento común e experiencias persoais que permiten amosar que non existe unha única maneira de construír unha familia nin de vivir a maternidade.

Participará Iria López, CEO de Bebé Ratón, que combina a maternidade co emprendemento. Tamén estará Isabel Ares, responsable de Isabel Ares Peluquería Unisex, que aos 40 anos decidiu cumprir o seu desexo de ser nai recorrendo á reprodución asistida. Antía Pérez, xogadora internacional de fútbol sala, actualmente no Castro FS e anteriormente no Burela, será tamén protagonista. A deportista, que foi nai hai apenas tres meses coa súa parella, Laura, achegará ao debate a realidade dunha familia homoparental e tamén os retos específicos de conciliar a maternidade coa práctica deportiva de alto nivel.

O encontro contará tres historias diferentes que servirán para poñer sobre a mesa as presións, expectativas e decisións que acompañan a maternidade, así como a necesidade de falar dela sen xuízos nin modelos preestablecidos.

A artista Laura LaMontagne será a encargada de poñer a banda sonora a esta cuarta edición de Con Voz de Muller, nunha noite na que a música volverá formar parte dun encontro pensado para conversar, compartir, emocionarse e tamén gozar.

As portas abriranse ás 19:30 horas para recibir ao público nunha noite que combinará conversa, experiencias persoais, divulgación, humor, música, participación e moitas sorpresas. Os interesados en acudir á gala poden descargar na seguinte ligazón a súa invitación https://www.eventbrite.com/e/entradas-con-voz-de-muller-nin-boas-nin-malas-nais-2003016741995?aff=oddtdtcreator

Concurso Derribando mitos, construíndo realidades

Con Voz de Muller contará tamén co concurso Derribando mitos, construíndo realidades, no que tomará boa parte o público que terá que decidir entre mito ou realidade. As respostas estarán acompañadas das explicacións de Vanessa Lora, xinecóloga especializada en reprodución asistida de EVALO, e Patricia Pontón, fisioterapeuta especializada en solo pélvico.

A proposta permitirá achegar información e divulgación sobre reprodución, saúde da muller e solo pélvico desde unha perspectiva próxima e comprensible, ao tempo que incorpora o humor e a participación como elementos do encontro.

Almudena Cid pechará a gala

A última conversa da xornada terá como protagonista a ex-ximnasta olímpica Almudena Cid, unha das figuras máis recoñecidas da ximnasia rítmica española, catro veces olímpica e actualmente integrante do Consello Español para a Igualdade no Deporte.

Cid achegará a súa experiencia ao debate sobre maternidade e deporte de elite, nun momento no que a relación entre carreira deportiva, saúde reprodutiva e maternidade ocupa cada vez máis espazo na conversa pública. A súa perspectiva permitirá abordar as presións que poden levar as deportistas a ter que escoller entre a continuidade da súa carreira e o desexo de ser nais, así como a importancia de que as mulleres poidan tomar estas decisións con liberdade e sen condicionamentos.

Comparte este artigo