Carmela López anuncia que a Deputación reforzará a transformación urbana de Viveiro con novos investimentos en Covas e Celeiro

Redacción

– A Presidenta supervisou distintas actuacións cun investimento global da institución provincial que supera os 1,6M€ e destacou que “estamos a impulsar un cambio real, con proxectos que melloran a vida da veciñanza e modernizan os espazos públicos”

Comprobou no núcleo de Covas dous proxectos que contan con preto de 550.000€ de fondos provinciais: o avance das obras da rúa Santiago xa en marcha e a contorna de Cantarrana, onde se van mellorar os servizos e o pavimento doutras 11 rúas

Rematada a visita institucional, a mandataria supervisou en Celeiro o resultado da humanización da fachada marítima para a que a Deputación achegou máis de medio millón de euros, e a vía de acceso ao porto que arranxará con máis de 137.000€

A Presidenta da Deputación de Lugo, Carmela López, anunciou este martes en Viveiro que a institución provincial reforzará a transformación urbana da vila mariñá con novos investimentos nos núcleos de Covas e Celeiro. Supervisou distintas actuacións en marcha e proxectadas no municipio, cun investimento global da Deputación que supera os 1,6 millóns de euros. “Estamos a impulsar un cambio real, con proxectos que melloran a vida da veciñanza e modernizan os espazos públicos”, valorou a mandataria provincial.

Na parte máis institucional da xornada, que se desenvolveu pola mañá no núcleo urbano de Covas, Carmela López supervisou xunto a Alcaldesa de Viveiro, Mariña Gueimunde, dous proxectos que contan con preto de 550.000€ de fondos provinciais a través do Plan Deputación. O primeiro deles, os traballos de rehabilitación do firme, mellora de redes de servizos básicos e da accesibilidade na rúa Santiago, fináncianse con preto de 190.000€ provinciais. Unha actuación “estratéxica” en palabras da Presidenta polo seu impacto na trama urbana de Covas, mellorando a funcionalidade e o confort urbano.

O segundo dos proxectos que se fará con cargo ao Plan Deputación e onde a institución provincial achega máis de 356.000€ é o da contorna de Cantarrana. Carmela López e Mariña Gueimunde percorreron a zona que se vai renovar de forma integral. Neste caso o proxecto combina a renovación de pavimentos e modernización de servizos básicos de saneamento, pluviais e abastecemento de auga. “Esta é unha zona de gran importancia residencial e turística para o municipio, polo que con esta actuación melloraremos non só a seguridade viaria, a mobilidade, a eficiencia en redes de servizos e a imaxe urbana”, valorou a Presidenta.

As principais actuacións previstas son a renovación do pavimento con aglomerado na travesía de Cantarrana, Pernas Peón, Vila de Ribadeo, avenida de Villalba, Vila de Mondoñedo, rúa Cidade de Ortigueira, Otero Pedrayo, Pascual Veiga, Celso Emilio Ferreiro, Castelao e Alexandre Bóveda. Ademais, na travesía de Cantarrana e Pernas Peón substituirase a rede de saneamento e de pluviais, e na avenida Vilalba renovarase a rede de abastecemento de auga nunha das marxes.

Humanización e confort urbano en Celeiro

Rematada a visita institucional, a mandataria provincial supervisou en Celeiro o resultado de humanización da fachada marítima, para a que a Deputación achegou máis de medio millón de euros; e a vía de acceso ao porto, que arranxará con máis de 137.000€.

Primeiro percorreu un tramo da LU-P-6612, que é a estrada provincial que dá acceso ao porto, desde a autonómica LU-862 ata a Confraría de Pescadores. Un proxecto que xa está en fase de contratación –licitado a mediados do mes de maio- por máis de 137.000€. Os traballos consistirán na renovación completa do firme, melloras na drenaxe, pavimentación con aglomerado e renovación da sinalización. “Esta actuación terá un impacto directo tanto para a seguridade do tránsito como para a eficiencia das operacións portuarias”, valorou Carmela López. Engadiu que a zona dá acceso a servizos municipais como a piscina ou o recinto no que se celebra o Resurrection Fest.

Unha obra da Deputación que continúa reforzando e poñendo en valor toda a fachada marítima de Celeiro e dá continuidade á transformación iniciada coa renovación da Rúa do Porto, posible grazas a un convenio de colaboración de 700.000€. Un acordo polo que a institución provincial achegou a Viveiro 550.000€ para humanizar e renovar os servizos desta vía. Concretamente, comprobou o resultado da renovación dos servizos e a pavimentación desta vía, no cruce da LU-P-6612 coa rúa Lavandeira.

Comparte este artigo