A Xunta pon en valor o papel dos centros de recuperación de fauna silvestre para garantir a conservación da biodiversidade en Galicia

Redacción

— Nicolás Vázquez Iglesias explica que nestas instalacións se presta asistencia veterinaria especializada a animais feridos, enfermos ou incapacitados e que a prioridade é devolvelos ao seu hábitat


— Lembra á cidadanía como actuar se atopa un animal silvestre ferido ou debilitado para que reciba unha atención áxil e correcta que mellore as posibilidades de recuperación


— En caso de localizar un animal ferido, non debe manipularse e cómpre avisar ao teléfono 112 ou aos axentes medioambientais da Xunta para que sexan os profesionais os que coordinen a súa recollida e traslado


— O conselleiro tamén mantivo un encontro de traballo coa alcaldesa de Lugo, Elena Candia, para abordar diversas cuestións de interese municipal

O conselleiro de Medio Ambiente e Cambio Climático, Nicolás Vázquez Iglesias, puxo hoxe en valor o papel que desenvolven os centros de recuperación de fauna silvestre da Xunta para garantir a conservación da biodiversidade na comunidade.

En concreto, Vázquez Iglesias subliñou o traballo que realizan os profesionais que traballan nos catro centros deste tipo cos que conta Galicia e que se localizan en Santa Cruz de Oleiros (A Coruña), no Alto do Rodicio (Ourense), en Carballedo (Pontevedra) e no Veral (Lugo), centro que hoxe visitou acompañado do delegado territorial da Xunta na provincia, Alfonso Villares.
No caso concreto do Veral, o complexo destaca por contar con instalacións destinadas á atención específica do oso parado e, ademais, acolle outras iniciativas de investigación, como, por exemplo, a relativa á cría e ao reforzo do mexillón de río (Margaritifera margaritifera).
Segundo explicou o conselleiro, nos catro centros de recuperación de fauna silvestre da Xunta préstase asistencia veterinaria especializada e os procesos de rehabilitación física correspondentes aos animais feridos, enfermos ou incapacitados que non estean en condicións de subsistir por si sós no medio natural.
Logo de indicar que “a prioridade é sempre devolvelos ao seu hábitat”, Nicolás Vázquez indicou que ata novembro ingresaron nos catro centros da rede autonómica 6.123 animais, dos que 647 corresponden ás instalacións de Lugo. Por especies, a maior parte dos exemplares atendidos son aves, seguidas, a moita distancia, de mamíferos e réptiles.

Durante a súa visita ao centro, Vázquez Iglesias lembrou como debe actuar a cidadanía no caso de atoparse cun animal silvestre ferido ou debilitado para que reciba unha atención áxil e correcta que mellore as posibilidades de recuperación. En concreto, hai que avisar ao teléfono 112 ou aos axentes medioambientais da Xunta para que sexan os profesionais os que coordinen a recollida e traslado do exemplar ao centro.
Ademais, non debe manipularse o animal, pero se é imprescindible facelo, cómpre empregar unha manta ou tea grosa colocándose ás súas costas para evitar que nos cause lesións coas garras, peteiro ou os dentes por sentir dor ou por asustarse pola nosa presencia e, ao mesmo tempo, tamén prevemos a transmisión de enfermidades.
Despois habería que introducilo nunha caixa de cartón con buratos para garantir que estea ventilada e sen palla nin ningún material que ensucie as feridas. Esa caixa habería que colocala nun lugar escuro, tranquilo e illado de ruídos, persoas e animais de compañía.
Logo de indicar que non se lle debe dar nin comida nin auga, o conselleiro fixo fincapé en que está prohibido quedarse co exemplar xa que, ademais de ser unha infracción da Lei do patrimonio natural e da biodiversidade de Galicia, supón un grave prexuízo para o animal.
Reunión coa alcaldesa de Lugo
O conselleiro de Medio Ambiente e Cambio Climático, Nicolás Vázquez, tamén mantivo esta mañá unha reunión de traballo coa alcaldesa de Lugo, Elena Candia, con quen abordou diversas cuestións de interese municipal.
Durante o encontro, o conselleiro e a rexedora analizaron a evolución das actuacións e proxectos nos que colaboran ambas administracións. En concreto, avaliaron a mellora do saneamento na cidade e, concretamente, na contorna de Esperante, así como asuntos relacionados co benestar animal, como son a construción dun parque canino no municipio e a reforma da protectora de animais.

Comparte este artigo