– A Presidenta visitou este martes o municipio xunto ao Alcalde, José Luis Raposo, para asinar un novo convenio de colaboración e supervisar os últimos investimentos da institución provincial por un importe conxunto que supera os 850.000€
– “Pedrafita ten menos de 900 habitantes, é o quinto con menor poboación de toda a provincia, polo que ten recursos moi limitados para cubrir as necesidades dos seus veciños e veciñas e a Deputación ten que estar aí”, valorou a mandataria provincial
A Presidenta da Deputación de Lugo, Carmela López, reivindicou hoxe en Pedrafita do Cebreiro o compromiso da institución provincial cos concellos máis pequenos do territorio lucense. Fíxoo durante unha visita ao municipio na que estivo acompañada polo seu Alcalde, José Luis Raposo.
“Pedrafita ten menos de 900 habitantes, é o quinto con menor poboación de toda a provincia, polo que ten recursos moi limitados para cubrir as necesidades dos seus veciños e veciñas e a Deputación ten que estar aí”, valorou a mandataria provincial. Incidiu en que nos municipios menos poboados, o apoio doutras administracións resulta fundamental para garantir servizos e acometer investimentos que melloren a calidade de vida da cidadanía.
A visita, na que ambos responsables estiveron acompañados pola corporación local, comezou cunha recepción institucional na Casa Consistorial e coa sinatura dun convenio de colaboración dotado con 137.000€. Unha achega que permitirá acometer a renovación da cuberta do centro de saúde, acondicionar acusticamente a nave de usos múltiples e instalar dous conxuntos de letras identificativas co nome de Pedrafita.
Aproveitaron a xornada tamén para supervisar diferentes actuacións e adquisicións financiadas recentemente pola Deputación de Lugo que, no seu conxunto, representan máis de 850.000€ de investimento destinado a mellora de equipamentos, servizos e infraestruturas para o municipio.
Atención e coidado das persoas
Carmela López compartiu parte da mañá coas persoas que viven no Centro de Atención a Maiores Manuel Villasol, que forma parte da rede de pequenas residencias que ten a Deputación no territorio. Unha dotación que dá cobertura a 30 usuarios e usuarias e se mantén cun esforzo económico moi importante da institución provincial, a pesar de tratarse dunha competencia da Xunta de Galicia.
“As políticas sociais teñen que chegar a todos os territorios, tamén á Montaña e aos concellos con menos oportunidades. Por iso asumimos esta responsabilidade aínda que non nos corresponda, porque o fundamental é que os veciños e as veciñas da provincia teñan servizos vivan onde vivan”, argumentou.
Finalizada a visita á residencia, Carmela López comprobou a máquina telescópica adquirida polo Concello ao abeiro dun convenio de colaboración coa Deputación do ano 2025. Un equipamento adquirido con máis de 67.000€ que permitiu reforzar os servizos municipais e mellorar a capacidade de resposta do Goberno local.
Mellorar a mobilidade para garantir a igualdade de oportunidades
Durante a visita percorreron tamén os lugares de Rabaceira e Fonteferreira, onde supervisaron as actuacións realizadas nos accesos cun investimento conxunto de máis de 83.000€ do Plan Deputación 2025.
Carmela López e José Luis Raposo comprobaron tamén o resultado dos últimos traballos na estrada provincial LU-P-1301, que conecta Seoane do Courel con Hospital, onde a Deputación vén de rematar un proxecto para renovar o tramo que faltaba cun investimento de 386.880,92€. Os traballos afectan aos puntos quilométricos 6,8 e 7,3, á altura das parroquias de Pacios e Lousada e permitiron aumentar as prestacións da vía co seu ensanche ata os 10 metros, rehabilitación do firme e tratamento da paisaxe para minimizar o impacto ambiental nesta zona dos Ancares que pertence á Rede Natura.
Esta estrada é fundamental porque é un dos principais accesos ao concello de Folgoso do Courel e ademais é clave para a mobilidade da Montaña. Nos últimos anos, a Deputación ten acometido obras de mellora en diferentes tramos por un importe superior ao millón de euros, ata o quilómetro 12,51 á altura de Hospital, na parroquia de Santa María do Cebreiro. Un conxunto de actuacións das que se benefician as preto de 2.000 persoas que viven entre estes dous concellos e que dá servizo tamén a recursos importantes no turismo rural da contorna.
“Nun concello como Pedrafita, investir en mobilidade é tamén investir en igualdade de oportunidades. Unha boa estrada facilita o acceso aos servizos, conecta os núcleos e permite que as persoas poidan vivir e traballar aquí con máis garantías”, concluíu a Presidenta.

