Cornamusas mediterráneas, por primeira vez, no Certame Celtibérico de Bandas de Gaitas da Deputación

Redacción
XVII CERTAME CELTIBÉRICO DE BANDAS O deputado de Representación Institucional, Rosendo Fernández, participa na rolda de prensa da presentación do XVII Certame Celtibérico de Bandas de Gaitas de Manzaneda 2026, acompañado de Cecilio Santalices Mourille (Xefe Provincial de Turismo) e Xose Lois Foxo (Director da Real Banda de Gaitas da Deputación Ourense).

O deputado de Representación Institucional, Rosendo Fernández, participou hoxe na presentación deste evento cultural que terá lugar os días 25 e 26 de xullo en Manzaneda e no que se darán cita centos de músicos de Galicia, Asturias, Cataluña, Madrid, Mallorca e Portugal

A Deputación de Ourense converterá ao municipio de Manzaneda no epicentro da música tradicional coa celebración do XVII Certame Celtibérico de Bandas de Gaitas, o IX Serán de Seitura e a Noite Celta, que terán lugar os días 25 e 26 de xullo. A presentación deste evento tivo lugar hoxe no Pazo Provincial, acto no que participou o deputado de Representación Institucional, Rosendo Fernández; o alcalde de Manzaneda, Pedro Yáñez; o xefe da área de Turismo da Xunta en Ourense, Cecilio Santalices; e o director da Escola Provincial de Gaitas, Xosé Lois Foxo.

O evento que é “un referente do folclore na Península e un gran complemento educativo á actividade da Escola de Gaitas”, dixo Rosendo Fernández, reunirá a centos de músicos de Galicia, Asturias, Cataluña, Madrid, Mallorca e Portugal.

Neste sentido, Foxo dixo que “Manzaneda foi un referente dos cantares de seitura” e que este certame contribúe a “poñer en valor os cánticos históricos e a dignificar a figura das cantareiras”.

Como novidade, nesta edición, o Certame traerá bandas de gaitas de Baleares, achegando as “cornamusas mediterráneas” a este evento, “o máis internacional de gaitas que se fai en Ourense e en toda Galicia”, sinalou Foxo, quen destacou o papel da Deputación como “exemplo de administración” que apoia a cultura.

Pola súa parte, Cecilio Santalices puxo en valor o carácter “histórico, etnográfico e cultural” deste certame que actúa como “factor dinamizador para toda a comarca”.

Programación

A cita comezará o sábado, 25 de xullo coa posta en valor do patrimonio oral e etnográfico a través do IX Serán da Seitura, a partir das 19.30 horas na praza da Igualdade. O evento, ademais de contar con diversas actuacións, servirá para render tributo á memoria de Ludivina Pérez Ricoi cunha ofrenda floral ante o seu monumento, ademais de render unha homenaxe póstuma a Aquilino Pérez Prieto da Vidueira.

Posteriormente, o programa continuará coa Noite Celta, que será ás 23.00 horas na Estación de Montaña de Manzaneda, e ao día seguinte, o domingo 26 de xullo, no Campo de Competicións de Cabeza de Manzaneda, terá lugar a gran fase final do certame, que este ano rende memoria a Gabino García, alcalde de Manzaneda entre 1974 e 1995.

Comparte este artigo