Luis López anuncia que a Deputación aproba o convenio con Pazos de Borbén para investir case un millón no treito Amoedo-Os Valos: “Tras cinco meses de bloqueo municipal, nós cumprimos cos veciños”

adminON
Lectura mínima de 3

“Por fin se desbloquea unha situación que se mantiña parada desde o pasado mes de abril e que facía perigar este importante investimento para todos os veciños de Pazos”, asegurou o presidente provincial

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, anunciou hoxe en conferencia de prensa que a Xunta de Goberno provincial acaba de aprobar o “esperado” convenio co Concello de Pazos de Borbén para as obras na EP-2702 Amoedo-Os Valos, unha obra que ascende a preto dun millón de euros. “Facémolo en cuestión de poucos días, unha vez recibida a aprobación do convenio por parte do Concello, que tivo lugar a principios deste mes nun pleno extraordinario, desbloqueando unha situación que se mantiña parada desde o pasado mes de abril e que facía perigar este importante investimento”, explicou López.

O presidente provincial quixo ademais facer fincapé en que o paso que se dá agora demostra que “o convenio podía ser aprobado perfectamente polo Concello, que tardou máis de cinco meses en facer o que outros concellos fan en días e, finalmente, que a Deputación cumpre con Pazos, cumpre cos veciños e cumpre a súa palabra”. Luis López lamentou “que se perdera un tempo valiosísimo para todos, especialmente para os veciños que estaban demandando esta obra aos que lle explicamos todo o que estaba a acontecer”, e lembrou que a data de aprobación podía ter sido “un día de xuño ou de maio se o Concello fixera os seus deberes. E en lugar de falar aínda do convenio poderíamos estar falando xa de que as máquinas estaban traballando na zona”. Neste eido, o presidente amosou o seu desexo de que “o Concello de Pazos aprendera a lección e agora poidamos restablecer a senda leal de colaboración para executar a vía”.

Luis López celebrou a aprobación do convenio que se realizará no primeiro tramo da estrada provincial EP-2702 e será financiada ao 100% pola Deputación, se ben o Concello deberá encargarse das expropiacións, que ascenden a 40.000 €, como é habitual nestes casos. O obxectivo das obras pasa pola ampliación da sección da estrada, dotándoa de carrís máis amplos e beiravías, así como melloras puntuais do trazado. Ademais, o proxecto contempla a renovación da capa de rodaxe, a execución da rede de augas pluviais e de abastecemento e tamén nova sinalización vertical e horizontal.

Comparte este artigo