Luis Menor reivindica o labor de AODEMPER na inauguración da súa nova sede como exemplo de “humanifade, acompañamento e compromiso social”

Redacción

O presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, participou esta tarde no acto de inauguración da nova sede de AODEMPER, a Asociación Ourensá de Esclerose Múltiple, Parkinson e Enfermidades Raras, onde puxo en valor o traballo que a entidade desenvolve desde hai case tres décadas “acompañando ás persoas e ás familias desde a empatía, a proximidade e a dignidade”.

Durante a súa intervención, Luis Menor destacou que asociacións como AODEMPER “converten a dificultade en comunidade, o medo en apoio e a soidade en compañía”, salientando a importancia do labor sociosanitario e humano que realiza a entidade na provincia de Ourense.

O presidente provincial subliñou tamén que esta nova sede “representa avance, accesibilidade e futuro”, ao ofrecer un espazo máis amplo e adaptado para continuar prestando atención e acompañamento ás persoas con esclerose múltiple, párkinson e enfermidades raras, así como ás súas familias.

Luis Menor agradeceu o traballo da presidenta da asociación, Susana Fernández, da directiva, das profesionais e das persoas voluntarias que forman parte de AODEMPER, asegurando que “o voso traballo deixa pegada na vida de moitas persoas e contribúe a construír unha provincia máis humana, inclusiva e sensible”.

AODEMPER, fundada en 1996, desenvolve programas de atención biopsicosocial, fisioterapia, psicoloxía e apoio integral ás persoas afectadas e ás súas familias.

Comparte este artigo