A cita desta noite, a última das Xornadas deste ano, comezará ás 23 horas no Auditorio Castelo de Ribadavia, como ven sendo habitual nos últimos anos
Nesta despedida especial non poderá participar o Ballet Jammu de Senegal, incorporado a última hora en substitución de Kenya, xa que tiña comprometida a data con anterioridade
Maña é a quenda das despedidas dos grupos que deixaran Ourense despois de dez días de intensa actividade, aínda que a organización xa pensa na próxima edición
Despois de dez días de percorrido pola provincia ourensá, enchendo de público e aplausos os espazos das actuacións, as Xornadas de Folclore pecharán esta edición do 2026 no Castelo de Ribadavia, onde as agrupacións folclóricas amosarán a tradición e a cultura dos seus países nunha única actuación. Faltará á cita, non sen certo pesar, o Ballet Jumma de Senegal, que xa tiña un compromiso anterior ao peche da súa presenza en Ourense.
Os preto de 170 artistas que participan nesta edición das Xornadas de Folclore destacaron “o agarimo” que recibiron do público a través dos cálidos e sonoros aplausos que soan despois de cada actuación. Destacaron tamén a súa ledicia por poder participar neste evento cultural, que xa cumpriu os 41 anos e que, ano tras ano, é o máis esperado do verán ourensán e amosaron gratitude a todo o persoal que traballa nelas “polo trato tan atento recibido”.
As Xornadas, nas que traballan preto de 25 persoas para atender todas as necesidades dos participantes e a montaxe dos escenarios, están organizadas pola Deputación de Ourense, a través do Centro de Cultura Popular Xaquín Lorenzo, creado no 2004, ano no que se lle dedicou o Día das Letras Galegas ao etnógrafo ourensán Xaquín Lorenzo Fernández. O Centro de Cultura Popular naceu a partir dunha transformación da Escola Provincial de Danza da Deputación que, dende 1984, viña desenvolvendo unha intensa actividade no eido da música e da danza popular, e unha serie de actividades de investigación e difusión da cultura popular, seguindo a traxectoria comezada polo Colectivo Cultural Castro Floxo.
Entre os obxectivos actuais do Centro atópase a promoción de actividades que busquen recuperar, conservar e espallar a cultura popular e habilitar os medios para dala a coñecer e transmitir deste xeito un patrimonio intanxible. As Xornadas de Folclore son unha das moitas actividades que levan a cabo ao longo do ano.
Mañá, 20 de agosto: Despedida
Os grupos de Serbia, Taiwán, Armenia, México e Ecuador inician hoxe o abandono da provincia ourensá.

